O BNG de Narón visita Lugo para integrar ideas de modelo de cidade no seu programa de goberno local 2027

Unha delegación do Consello Local do BNG de Narón, encabezada polo seu candidato á alcaldía, Geno Carballeira, mantivo un encontro de traballo en Lugo co equipo de Rubén Arroxo para coñecer os detalles técnicos e políticos da transformación que viviu a cidade amurallada nos últimos sete anos. A visita tivo como obxectivo principal recoller solucións de mobilidade, accesibilidade e urbanismo para integralas no programa de goberno do BNG de Narón para 2027.

Durante o percorrido polos barrios lucenses, Carballeira destacou a diferenza entre a planificación nacionalista e a execución do goberno local de Narón. O candidato puxo como exemplo negativo a avenida da Solaina: «Mentres en Lugo se usan materiais de calidade, se humanizan as rúas e se pensa na accesibilidade real, en Narón temos unha avenida da Solaina que é o exemplo perfecto do que non se debe facer. Unha obra con resultados deficientes, materiais pobres e que non resolve os problemas de mobilidade da veciñanza se non que incluso a empeora».

O BNG de Narón interesouse especialmente pola «cidade dos 5 minutos» un modelo que «permite gañar espazo público e mellorar o comercio local en toda a trama urbana, non só no centro histórico».

Tamén analizaron o éxito do servizo de taxi a demanda para o rural, en marcha desde febreiro de 2026, como unha peza clave para conectar o territorio.

A visita produciuse apenas días despois de que unha moción de censura do PP apartase ao BNG do goberno lucense. Para Rubén Arroxo, portavoz municipal do BNG de Lugo, isto é só «obstáculo temporal». «O traballo de sete anos está aí e as persoas senten o cambio. O PP pode ocupar os despachos agora, mais o modelo de futuro é o do BNG” indicou Arroxo.

“En Lugo volverán gobernar nun ano e en Narón comezaremos a transformar a oitava cidade do país a partir de maio de 2027″ sentenciou Carballeira. O BNG de Narón levará estas conclusións ao seu proxecto estratéxico, apostando «por unha cidade accesible, con transporte público moderno e barrios onde o comercio e a veciñanza sexan os protagonistas».

Lea también

Música sen fronteiras, os maios e un musical de K-Pop, entre as propostas da fin de semana en Narón

A música, a tradición popular, o teatro e os espectáculos familiares protagonizan a axenda cultural …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *