“Repunantas” abre as Letras en Narón cunha homenaxe ás voces femininas máis rebeldes da literatura galega

O Café Teatro do Pazo da Cultura converterase este xoves 14 de maio, no punto de partida da programación das Letras Galegas en Narón coa chegada de “Repunantas. As punkis da literatura galega”, un espectáculo pensado para público adulto que une literatura, música e reivindicación arredor das voces femininas galegas máis inconformistas.
 
A proposta, protagonizada pola escritora e activista cultural Inma López Silva e polo tamén escritor e músico Francisco Castro, dará comezo ás 19:00 horas para ofrecer ao público unha viaxe polas autoras que desafiaron as normas do seu tempo, desde as cantigas medievais ata Begoña Caamaño, figura á que a Real Academia Galega dedica este 2026 o Día das Letras Galegas.
 
Baixo o título de “Repunantas”, López Silva e Castro recuperan textos e historias de mulleres que fixeron da palabra unha forma de resistencia fronte a unha cultura que lles esixía silencio e submisión.
 
A montaxe pon o foco nesa actitude rebelde e contestataria que atravesa séculos de literatura galega e que segue plenamente vixente. A cita terá unha duración aproximada dunha hora con entrada gratuíta ata completar capacidade.
 
As persoas interesadas poden recoller os convites na billeteira do Pazo da Cultura. A actividade está organizada pola Secretaría Xeral da Lingua a través do programa FalaRedes da Rede de Dinamización Lingüística, en colaboración co Concello de Narón a través do Servizo de Normalización Lingüística.

Lea también

Narón mantén vacantes nas escolas infantís municipais para o curso que vén

O Concello de Narón informa da publicación dos listados provisionais de admitidos nas escolas infantís …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *