A primavera convida a andar por fóra e dar longos paseos ao aire libre. Algo que facer na compaña de máis xente e, de paso, descubrir lugares. Ese é o cometido das catro Camiñadas parroquiais programadas polo Concello desde este mércores. Para participar nelas non fai falla inscrición, abonda estar en cada punto de saída nos días e nas horas sinaladas. Cómpre lembrar que o último domingo deste mes de maio haberá a xa clásica ruta cicloturista en familia.

As Camiñadas parroquiais son paseos ao aire libre aptos para todas as idades, relativamente curtos -entre 3 e 6 quilómetros de distancia- e cun nivel de dificultade baixo, posto que discorren por pistas e camiños en bo estado e sen demasiado desnivel.
O Concello de San Sadurniño organiza catro andainas que partirán dos locais sociais ás 16:00horas. As rutas comezan este mércores 13 de maio en Santa Mariña con punto de partida e de chegada no local social da Golpilleira. As seguintes serán o venres 22 de maio en Lamas, o mércores 27 en Naraío e, a última, o xoves 11 de xuño en San Sadurniño, con saída de diante da Casa do Concello.
Desde o departamento de Deportes aconséllase levar roupa cómoda, chaleco reflectante, calzado sen tacón que non sexa de estrea para que non nos faga vexigas ou rozaduras -o ideal é aquel que protexa os nocellos-, calcetíns de algodón, gorra, bebida e algo de comer. Na actividade farán de guía os grupos de ximnasia de mantemento das respectivas parroquias.
Para participar non fai falla inscrición previa nin tampouco é obrigatorio acudir a todas as rutas, aínda que si moi recomendable como maneira de facer un exercicio ben levadeiro e de descubrir o territorio compartindo a experiencia con outras persoas. Para máis información pódese chamar ao teléfono do Ximnasio municipal, 647 491 371.
Ruta Cicloturista en familia
A outra proposta que temos á volta duns días, o domingo 31 de maio, é a Ruta Ciclista en Familia. Sairá sobre as 11:00h de diante do CPI de San Sadurniño e será, coma sempre, un percorrido moi doado de aproximadamente 15 quilómetros e un desnivel suave de 125 metros, apto para participantes de diferentes condicións físicas.
A actividade está aberta a maiores de 6 anos e ofrécense 140 prazas que se cubrirán por orde de solicitude. A inscrición é totalmente gratuíta e inclúe a cobertura dun seguro de accidentes, ademais dun agasallo especial para todas as nenas e nenos que participen no traxecto.
O prazo para apuntarse está aberto ata o 26 de maio ás 14:00 horas a través desta ligazón e cómpre ter en conta que non se admitirán novas altas o mesmo día da ruta. Será obrigatorio o uso do casco e que a rapazada de entre 6 e 12 anos vaia na compaña dunha persoa adulta.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.