As Pontes destina 31.000 euros para impulsar o emprendemento e actividade empresarial local

O pleno do Concello das Pontes aprobou no pleno ordinario do mes de maio o convenio de colaboración coa Asociación de Empresarios SEARA para o desenvolvemento de programas de asesoramento empresarial, apoio ao emprendemento e dinamización do tecido económico local durante o ano 2026.

O acordo, asinado entre a concelleira delegada da Área de Industria, Emprego, Seguridade e Atención Cidadá, Ana Pena Purriños, e o presidente da Asociación de Empresarios SEARA, José Castro Romero, ten como principal obxectivo apoiar ás persoas emprendedoras, ás pemes e ao tecido empresarial local a través de servizos de asesoramento, accións de promoción e actividades de dinamización económica.

O Concello das Pontes destinará a este convenio unha achega de 31.000 euros para financiar o programa de asesoramento a emprendedores e consolidación de proxectos empresariais, as actividades da Rede de Autónomas e Empresarias, servizos de consultoría sobre axudas e subvencións, accións de promoción e publicidade da asociación, gastos xerais e investimentos.

Entre as actuacións incluídas no convenio destaca o desenvolvemento de programas de asistencia técnica a persoas emprendedoras e empresas locais, iniciativas de apoio ao emprendemento feminino a través da Rede de Autónomas e Empresarias, servizos de asesoramento financeiro e sobre subvencións, así como actuacións de mellora das instalacións da entidade mediante a instalación dun novo sistema de iluminación eficiente con tecnoloxía LED e control automático.

A concelleira Ana Pena Purriños destacou “o importante labor que desenvolve SEARA como entidade de apoio e acompañamento ao tecido empresarial local, ofrecendo servizos de asesoramento e ferramentas fundamentais para favorecer a creación, consolidación e crecemento das empresas das Pontes”.

A edil tamén subliñou que “desde o Concello das Pontes seguimos apostando pola colaboración co tecido asociativo empresarial para impulsar iniciativas que favorezan o emprendemento, a innovación e a actividade económica local, contribuíndo á xeración de emprego e ao fortalecemento do tecido produtivo do municipio”.

O convenio terá vixencia ata o 31 de decembro de 2026 e permitirá continuar desenvolvendo accións orientadas ao impulso empresarial, á consolidación de proxectos emprendedores e ao fortalecemento da actividade económica nas Pontes.

Lea también

Heridas dos personas en una salida de vía en Fene, una tuvo que ser excarcelada.

Dos personas han resultado heridas este miércoles después de sufrir una salida de vía con …