A Deputación da Coruña pecha a súa participación en ExpoVacaciones Bilbao tras tres días de promoción turística

O cesteiro ferrolán Carlos Rubio formou parte da promoción da provincia en ExpoVacaciones. Turismo da Deputación levou á feira internacional a oferta paisaxística, patrimonial, gastronómica e artesanal do territorio coruñés. O vicepresidente, Xosé Regueira, destacou en Onda Vasca o modelo turístico sostíbel da Coruña e o potencial do territorio para «coñecelo con calma»

A Deputación da Coruña despediuse da 46ª edición de ExpoVacaciones, a feira internacional de turismo celebrada no Bilbao Exhibition Centre de Barakaldo, tras tres xornadas nas que promoveu os principais recursos turísticos da provincia ante o público asistente ao evento.

Ao longo da feira, o organismo provincial contou cun espazo propio desde o que deu a coñecer a diversidade paisaxística, cultural, patrimonial e gastronómica do territorio coruñés, ofrecendo información sobre destinos e propostas turísticas da provincia.

Con motivo da participación da Deputación no evento, o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, foi entrevistado na emisora Onda Vasca, na que reivindicou o modelo turístico sostíbel da provincia da Coruña. «A sustentabilidade é o noso ADN», afirmou, ao tempo que puxo en valor a proximidade entre Euskadi e Galiza e animou o público vasco a descubrir o territorio coruñés. «Que nos visiten, ninguén sairá defraudado», asegurou.

Regueira destacou especialmente a oferta vinculada ao sendeirismo e aos itinerarios naturais e culturais da provincia, incidindo no peso dos Camiños de Santiago dentro do escaparate turístico coruñés. Neste sentido, referiuse ao Camiño Inglés e á prolongación cara a Fisterra como unha das rutas «máis auténticas» do territorio.

O vicepresidente da Deputación subliñou tamén a aposta por un turismo pausado e sustentábel, que permita «coñecer A Coruña con calma», e salientou proxectos como as Vías Verdes, entre elas a Compostela-Tambre-Lengüelle, a máis longa de Galiza e que prevé estar totalmente operativa este verán.

Durante a entrevista, Regueira repasou ademais algúns dos espazos e recursos turísticos singulares da provincia, como o Parque Natural das Fragas do Eume, Ferrol, o Xeoparque Cabo Ortegal e a Serra da Capelada, así como destinos vinculados ao surf, á arte urbana e ao patrimonio cultural como Carballo.

A gastronomía e os produtos agroalimentarios da provincia tiveron tamén presenza destacada no discurso promocional da Deputación, facendo referencia non só ao peixe e marisco, senón tamén á horta e aos viños das indicacións xeográficas protexidas de Betanzos e Barbanza e Iria e á subzona Ribeira do Ulla da denominación de orixe Rías Baixas.

A participación da Deputación en ExpoVacaciones Bilbao incluíu tamén demostracións de cestaría tradicional a cargo do artesán ferrolán Carlos Rubio, unha actividade que permitiu achegar ao público visitante unha mostra do traballo artesán e dos oficios tradicionais vinculados á provincia da Coruña.

ExpoVacaciones é unha das principais citas turísticas do norte peninsular e reúne cada ano destinos, empresas e entidades vinculadas ao sector turístico de diferentes territorios do Estado e do ámbito internacional.

Lea también

A Deputación apoia con 242.000 euros as actividades de 84 ANPAS de colexios e institutos públicos

O Boletín Oficial da Provincia publica a concesión definitiva do programa de subvencións para asociacións …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *