O Lago das Pontes consegue por sexto ano consecutivo a bandeira azul

O Concello das Pontes vén de conseguir, por sexto ano consecutivo, a Bandeira Azul para a praia do lago, un galardón que concede anualmente dende 1987 a Fundación para a Educación Ambiental ás praias e portos que cumpren estritos criterios de calidade ambiental, seguridade, accesibilidade e excelencia nos servizos.

A obtención deste distintivo volve situar ao lago das Pontes como un referente turístico e ambiental en Galicia, recoñecendo o traballo continuo realizado para garantir unhas instalacións de máxima calidade tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.

A concelleira de Turismo, Elena López, destacou que “revalidar por sexto ano consecutivo a Bandeira Azul é unha enorme satisfacción para As Pontes porque supón o recoñecemento ao esforzo e ao traballo que se realiza durante todo o ano para manter este espazo nas mellores condicións”.

López sinalou tamén que “este distintivo é unha garantía da excelente calidade das augas e dos servizos da praia do lago, pero tamén unha mostra do compromiso do Concello coa sustentabilidade, coa conservación ambiental e cun modelo de turismo responsable e respectuoso co entorno”.

A concelleira lembrou ademais que, cando As Pontes presentou por primeira vez a candidatura á Bandeira Azul, “o obxectivo era darlle garantías á cidadanía e ás persoas visitantes de que a praia do lago cumpría con todas as esixencias turísticas, ambientais e de seguridade. Seis anos despois, este recoñecemento consolidado demostra que imos polo bo camiño”.

Ademais quixo poñer en valor “o traballo dos servizos municipais e, especialmente, o compromiso da veciñanza co coidado e mantemento deste espazo natural. A implicación cidadá é fundamental para conservar o lago e a súa contorna nas excelentes condicións nas que se atopan actualmente”.

Desde o Concello das Pontes subliñan que a Bandeira Azul avalía aspectos como a calidade da auga, a xestión ambiental, a accesibilidade, a seguridade, os servizos de salvamento e socorrismo ou a información ambiental, entre outros criterios.

O goberno municipal reafirma así o seu compromiso coa protección e posta en valor do lago das Pontes como un espazo de referencia para o ocio, o deporte, o turismo sostible e o desfrute da natureza.

Lea también

Inscricións abertas en Neda para as actividades acuáticas infantís na piscina municipal

Neda porá en marcha, un ano máis, na piscina municipal un programa matinal de actividades …