O Concello de Narón informa da publicación dos listados provisionais de admitidos nas escolas infantís municipais para o curso 2026-2027, un proceso no que aínda permanecen vacantes dispoñibles nas tres escolas da rede municipal. En concreto, quedan prazas tanto na franxa de 0 a 1 anos, dirixida a nenos e nenas nacidos en 2026, como na de 2 a 3 anos, correspondente aos menores nacidos en 2024.

Dende a administración local lembran que as familias que non presentasen a solicitude no prazo ordinario aínda poden optar a unha destas vacantes. Para iso deberán formalizar a petición a través do Rexistro Xeral do Concello de Narón ou ben mediante a sede electrónica municipal. O obxectivo é facilitar que as prazas dispoñibles poidan ser cubertas antes do inicio do próximo curso escolar.
Os listados provisionais poden consultarse na páxina web municipal no enlace https://naron.gal/cat/gal/concello/escuelas_infantis e tamén a través dos teléfonos habilitados polas escolas infantís municipais.
Así mesmo, o goberno local lembra que os nenos e nenas que solicitaron a reserva de praza no pasado mes de febreiro, é dicir, o alumnado que xa asiste actualmente ás escolas infantís municipais, están admitidos nos centros solicitados.
O prazo para presentar reclamacións aos listados provisionais será de dez días naturais contados desde a data da exposición pública. Unha vez resoltas as posibles incidencias e reclamacións, o Concello procederá á publicación das listaxes definitivas de admitidos para o curso 2026-2027.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.