“N de Narón. A festa das Letras” encherá de actividades a praza da Lectura para homenaxear a Begoña Caamaño

O Concello de Narón presenta unha nova edición de “N de Narón. A festa das Letras”, o programa co que a cidade celebra cada 17 de maio o Día das Letras Galegas, dedicado este ano pola Real Academia Galega á xornalista e escritora Begoña Caamaño.
 
 
Na presentación participaron a concelleira de Política Lingüística de Narón, María Lorenzo; a edil de Ensino e Bibliotecas, Olga Ameneiro; e a concelleira de Festas, Mar Gómez.
 
Lorenzo destacou “a importancia de seguir promovendo iniciativas que contribúan a poñer en valor a nosa lingua e a nosa cultura”, incidindo ademais en que “esta programación converte Narón nun espazo de encontro arredor das Letras Galegas”.
 
A programación desenvolverase principalmente na praza da Lectura, cunha xornada o propio día dirixida a todos os públicos e na que haberá espectáculos musicais e teatrais, actuacións tradicionais, xogos populares, actividades de animación á lectura e encontros con autores.
 
As actividades darán comezo ás 11.30 horas co espectáculo “O pracer do azul, cartas no vento”, de María Faltri, unha proposta musical e narrativa para público familiar inspirada na reinterpretación feminista dos mitos clásicos realizada por Begoña Caamaño na súa obra “Circe ou o pracer do azul”.
 
Xa ás 12.30 horas actuarán as Cantareiras e os grupos de baile do Padroado da Cultura. Pola tarde, ás 17.00 horas, a compañía Galeatro representará “Carabela volve aos mares”, unha montaxe familiar con mensaxe ecolóxica protagonizada por unha cociñeira atrapada nunha illa de plástico. A continuación, ás 18.00 horas, será a quenda da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura.
 
Durante a xornada tamén haberá xogos populares, en horario de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas. Ademais, a Biblioteca Municipal contará cun espazo de lectura e obradoiros, mentres que a libraría Day instalará un posto de venda de libros en galego e organizará sinaturas co escritor José Manuel Legazpi, pola mañá, e coa autora Ana Meilán, pola tarde.
 
A programación completarase con outras propostas culturais arredor das Letras Galegas. O Pazo da Cultura de Narón acolle o propio 17 de maio, ás 19.00 horas, a representación de “Ictus (Anatomía da derradeira leición de Castelao)”, a nova montaxe da compañía Chévere, unha obra sobre a memoria histórica e a democracia que toma como referencia o cadro “A derradeira leición do mestre”, de Castelao.
 
As entradas poden adquirirse na billeteira do Pazo ou a través da web do Padroado da Cultura. Así mesmo, uns días antes, o 14 de maio, representarase no Café Teatro “Repunantas. As punkis da literatura galega”, un espectáculo musical e literario de Inma López Silva e Francisco Castro que realizará un percorrido polas voces femininas da literatura galega desde as cantigas medievais ata Begoña Caamaño.
 
Esta actividade, dirixida a público adulto, chega a Narón da man da Secretaría Xeral da Lingua a través do programa FalaRedes, por formar parte o municipio da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. As entradas serán gratuítas e poden recollerse na billeteira do Pazo da Cultura.
 
Por outra banda, o 23 de maio, ás 11.00 horas, a Biblioteca Municipal ofrece o espectáculo familiar “Eu tampouco navegar”, de Caxoto, unha homenaxe á ideoloxía feminista de Begoña Caamaño e á reivindicación do dereito das mulleres a decidir e actuar ao seu xeito. Para asistir será necesaria inscrición previa, presencialmente na Biblioteca Municipal ou chamando ao teléfono 981 382 173 en horario de apertura.
 

Lea también

El Concello de Ares promueve una salida a Portugal

El sábado, 13 de junio, se podrán visitar Valença do Miño, Vila Nova de Cerveira …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *