O pleno do Concello das Pontes aprobou o convenio de colaboración coa Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (COHEMPO) para o desenvolvemento de campañas e actividades de dinamización económica durante o ano 2026.
O acordo, asinado entre a concelleira delegada da Área de Axenda Urbana, Turismo, Deporte e Promoción Económica, Elena López Seco, e a presidenta de COHEMPO, Montserrat Gastelu Fernández, ten como principal obxectivo apoiar o tecido comercial, hostaleiro e empresarial local a través de accións de promoción, formación e dinamización.
O Concello das Pontes destinará a este convenio unha achega de 35.000 euros para financiar campañas de dinamización comercial, accións formativas e gastos xerais da asociación.
Entre as actuacións incluídas no convenio destacan a posta en marcha de campañas de promoción e dinamización para as empresas asociadas, iniciativas destinadas á formación do sector comercial e hostaleiro, así como o apoio aos gastos xerais necesarios para o funcionamento diario da entidade.
A concelleira Elena López Seco subliñou a importancia do traballo que desenvolve COHEMPO e o papel clave do comercio e da hostalería na vida económica e social do municipio. “COHEMPO desempeña un papel fundamental na dinamización económica e social das Pontes, actuando como nexo de unión entre o comercio, a hostalería e o tecido empresarial local. O traballo que desenvolve ao longo de todo o ano contribúe a impulsar campañas de promoción, atraer actividade e fortalecer un sector que resulta esencial para xerar emprego, crear vida nas rúas e manter un municipio activo e dinámico”, sinalou Elena López Seco.
A edil tamén destacou que “o Concello das Pontes continúa apostando polo comercio, a hostalería e o tecido empresarial local como motores fundamentais da economía e da vida social do municipio. A través deste convenio con COHEMPO seguimos apoiando campañas de dinamización, accións formativas e iniciativas que contribúan a fortalecer e impulsar a actividade económica nas Pontes”.
O convenio terá vixencia ata o 31 de decembro de 2026 e permitirá continuar desenvolvendo iniciativas orientadas a incentivar o consumo local, dinamizar a actividade comercial e reforzar a colaboración entre a administración municipal e o tecido empresarial pontés.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
