Narón abre o prazo de inscrición nun curso gratuíto de Almacén e Loxística

O Concello de Narón vén de convocar un novo curso de formación ocupacional en Almacén e Loxística dirixido a persoas desempregadas empadroadas no municipio.
 
 
A acción formativa, encadrada no programa municipal de formación, oferta 15 prazas e ten como obxectivo mellorar a empregabilidade de persoas en situación de desemprego no ámbito do sector loxístico. O curso suma 365 horas lectivas e abarca desde os fundamentos teóricos da xestión de almacéns ata a formación práctica en empresas colaboradoras.
 
O programa inclúe módulos de tipos de almacén e organización, prevención de riscos laborais, optimización da cadea loxística, operacións de recepción e expedición, xestión de inventarios e pedidos, sistemas informáticos de xestión de almacén, e manexo de carretillas elevadoras. Complétase con módulos transversais sobre o software Factusol, identidade dixital e xestión medioambiental no sector, ademais de dúas charlas e dúas visitas a empresas do sector.
 
O programa culmina con 100 horas de prácticas profesionais non laborais en empresas colaboradoras. A formación teórica impartirase no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, de luns a venres en horario de 8:30 a 14:30 horas, entre o 18 de maio e o 17 de xullo. As prácticas en empresa desenvolveranse do 22 de xullo ao 13 de agosto, en horario de seis horas diarias segundo a dispoñibilidade das empresas de acollida.
 
Poden inscribirse as persoas maiores de 18 anos, en situación de desemprego e empadroadas no Concello de Narón. O concello reserva o 20% das prazas para derivación do Servizo Sociocomunitario. As solicitudes poden presentarse desde este mércores 6 de maio ás 8:30 horas ata o martes 12 de maio ás 13:30 horas, no Rexistro Xeral do Concello de Narón ou a través da Sede Electrónica municipal. A selección realizarase por orde rigorosa de inscrición.
 
Para máis información, pódese contactar co Servizo Sociocomunitario no teléfono 981 33 77 00, extensións 1108 e 1109 ou consultar a sección de Servizos, Formación e Actividades Municipais da páxina web do Concello. O Concello de Narón ten igualmente abertas ata o próximo 7 de maio as inscricións para un curso gratuíto de Preparación e Cociñado de Peixe, financiado con Fondos Europeos e coa colaboración da Consellería do Mar.
 
A formación, de 415 horas, desenvolverase entre o 14 de maio e o 10 de setembro no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz e inclúe prácticas en empresas do sector.

Lea también

La naronesa Ruth Ortega se proclama campeona del TER European Trophy Damas 2026

El automovilismo gallego  está de enhorabuena tras el histórico triunfo cosechado por Ruth Ortega. La …