Test de control de asma para localizar a pacientes non controlados e consellos clave no Día Mundial da Asma. Profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol daban conta de todo o relacionado con esta patoloxía nunha mesa informativa no corredor principal do Hospital Arquitecto Marcide, onte polo día Mundial da Asma, destacando algunhas mensaxes: “a importancia de consultar ante síntomas respiratorias constantes e repetidas; que a asma pode aparecer a calquera idade; e que os pacientes diagnosticados deben seguir o tratamento”, así o explicaba o especialista en Pneumoloxía da Área, Guillermo Padín Pico, responsable da Unidade de Asma deste Servizo coa que conta a Área.
A asma é unha enfermidade respiratoria inflamatoria crónica que se caracteriza pola inflamación dos bronquios e da vía aérea en xeral. As principais síntomas da enfermidade soen producirse ó realizar exercicio físico, polas noites, ou tras respirar un alérxeno ou substancias do medio ambiente que provocan estas síntomas. A asma pódese controlar e, para iso, é necesario realizar correctamente o seu tratamento e evitar desencadenantes como a exposición a potencias alérxicos, ou outros aspectos nos que incide especialmente este profesional “moitas veces a dificultade é a adherencia ó tratamento, ou o infradiagnóstico, porque se dá en xente nova que non consulta. Hai que facelo cando se teñen catarros frecuentes, tose persistente, ou falta de ar cos esforzos”.
Esta enfermidade inflamatoria crónica, a asma, supón o 30% do total das enfermidades respiratorias. É unha das tres enfermidades máis habituais no eido respiratorio xunto coa Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC) ou a apnea do sono. Afecta a entre un 5% e un 10% da poboación. A maior parte das persoas diagnosticadas son seguidas polos profesionais dos centros de saúde. Ás consultas de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario chegan os casos máis graves ou que ofrecen dúbidas diagnósticas, e ós que se lles realizan probas complementarias e seguimento.
Unidade específica acreditada con excelencia
O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol conta cunha unidade monográfica de asma dende outubro de 2017, na que se ven uns 30 pacientes á semana, e na que se segue a preto de 450 pacientes con asmas difíciles derivados polos propios especialistas en Pneumoloxía para un seguimento e tratamentos máis complexos. Son casos de asma moi sintomáticos, con exacerbacións (empeoramentos), e nos que a asma persiste a pesar de seguir un tratamento axeitado e facelo correctamente.
Esta Unidade está acreditada con excelencia a nivel nacional pola Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR) dende marzo de 2022.
Subliñar que na Área Sanitaria de Ferrol ofrécense tódalas novidades terapéuticas existentes, como os biolóxicos, explica este especialista, Guillermo Padín, que se administran mensualmente na maioría dos casos de forma subcutánea no Hospital de Día Médico. Algúns deles adminístranse a medicación de xeito autónomo no domicilio. Búscase a regulación da inmunidade do paciente, e, consecuentemente, unha baixada da inflamación bronquial. Son pacientes concretos que responden a unha serie de criterios protocolizados, en base a estudos de células en sangue (eosinófilos) e niveles de inmunoglobulina (IgE), e que non responden a outro tipo de tratamentos, xa que a maior parte dos casos resólvense con inhaladores.
Nesta consulta especializada, fanse tamén reavaliacións de casos e estudos dos mesmos en base a eses protocolos establecidos. Neste senso, a existencia destas consultas especializadas ten amosado o incremento da calidade de asistencia e a melloría dos pacientes.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

