O impacto da Intelixencia Artificial na industria da moda, a debate no Campus Industrial de Ferrol

Imaxe dunha das mesas redondas que tivo lugar, na cuarta edición da xornada The Future of Fashion Talent, o 7 de maio de 2025, no Campus Industrial de Ferrol.

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, este xoves 7 de maio, a partires das 10:00 horas, a cuarta edición da xornada The Future of Fashion Talent que organiza o xornal líder en información económica do negocio da moda, Modaes, en colaboración co Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC) e co apoio do Clúster Gallego Téxtil Moda (COINTEGA) e máis do Concello de Ferrol.

O obxectivo desta cuarta edición, titulada Máis aló do ChatGPT – IA, Emprego e Moda, é o de analizar o impacto da Intelixencia Artificial (IA) na cadea de valor da industria da moda e na empregabilidade. A xornada centrarase en estudar como esta inflúe nos departamentos de deseño, produción, sustentabilidade, xestión ou mesmo na toma de decisións. Do mesmo xeito, tamén se afondará no uso que se lle está a dar a esta ferramenta tecnolóxica nas principais empresas do sector en España.

Mesas redondas

O programa da xornada inclúe dúas mesas redondas, a primeira delas, titulada “Hard, soft e outros skills nun momento de cambio”, dará comezo ás 10:30 horas. Nela, participarán o director de Recursos Humanos de Tendam, Ramón Amorós; a Team Leader para Reino Unido e Irlanda en Luxetalent, Susana Duarte; o presidente do Clúster Gallego Téxtil Moda (COINTEGA), Javier Guerra, e a integrante do Grupo de Polímeros do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC) e coordinadora do máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sostible que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Belén Montero.

Ás 12:30 horas terá lugar a segunda das mesas redondas, “E a creatividade para cando? IA, ecodeseño e novos paradigmas”, na que intervirán a fundadora e creadora da marca de moda feminina The-Are, Rocío Botella; a
conselleira delegada de Lady Pipa, Rocío Gómez; o cofundador de Elpulpo, José Antonio Chacón, e a integrante do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA) do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) e directora da Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes, Verónica Bolón.

Relatorios

A maiores, o programa da xornada inclúe dous relatorios. O primeiro deles, “Da sustentabilidade á IA: que está a facer a moda”, será impartido, ás 10:10 horas, pola fundadora de Modaes, Pilar Riaño. O segundo terá lugar ás 12:00 horas. A súa temática e protagonistas serán desvelados nos próximos días.

The Future of Fashion Talent está dirixido a toda a comunidade universitaria, ao tecido empresarial da comarca e do resto de Galicia, así como ao público xeral interesado. As persoas que queiran asistir de xeito presencial, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, ou en seguir o evento a través da home de Modaes terán que inscribirse, antes das 14:00 horas do mércores 6 de maio, na páxina web www.thefutureoffashiontalent.com.

Lea también

O Campus Industrial de Ferrol acolle, entre os meses de xuño e xullo, o Campamento Tecnolóxico de Verán

O Campus Industrial de Ferrol acolle, entre os meses de xuño e xullo, o Campamento …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *