O Grupo Municipal de Terra Galega levará ao próximo Pleno do Concello de Narón unha moción na que reclama unha actuación urxente por parte do Goberno central e de Red Eléctrica de España para resolver o déficit de capacidade de acceso e conexión eléctrica que afecta ao municipio e á súa contorna. A formación advirte de que esta situación está a limitar de maneira directa o desenvolvemento industrial da zona e compromete a chegada de novos investimentos.

Segundo expón TEGA no escrito rexistrado, as subestacións de Cornido e Río do Pozo atópanse actualmente ao límite da súa capacidade, o que impide a conexión de novas industrias, proxectos de enerxías renovables e iniciativas de autoconsumo. O grupo municipal considera que esta carencia xa actúa como un freo efectivo para a creación de emprego e o crecemento económico nun concello cunha clara vocación industrial. Neste senso, desde a formación subliñan que sen acceso á rede eléctrica non é posible poñer en marcha novas fábricas nin desenvolver proxectos estratéxicos vinculados á transición enerxética.
A moción tamén pon o foco en que as solucións a este problema levan anos identificadas nas planificacións estatais, pero seguen sen executarse. Terra Galega sinala especialmente dúas infraestruturas consideradas clave para a comarca, como son a subestación de Naraío, no municipio de San Sadurniño, que conta con autorización administrativa desde 2011 e declaración de impacto ambiental desde 2014, e a subestación de Maciñeira, nas Pontes, incluída na planificación eléctrica estatal para o período 2021-2026 e prevista para conectarse con Naraío mediante dobre circuíto.
A formación recoñece que o recente anuncio da declaración do nó de transición xusta de Maciñeira supón un avance positivo, pero advirte de que esta actuación, por si soa, non resolve os problemas de capacidade que afectan directamente a Narón. Por iso, defende que tanto Maciñeira como Naraío deben desenvolverse de maneira complementaria para garantir unha solución eficaz ás necesidades enerxéticas da bisbarra.
A través desta iniciativa, o grupo municipal de Terra Galega propón que o Pleno inste ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e á Red Eléctrica de España a priorizar a execución da subestación de Maciñeira e a impulsar con carácter urxente a de Naraío, establecendo un calendario concreto. Así mesmo, solicita que a planificación estatal teña en conta as necesidades actuais e futuras de solo industrial de Narón e da súa contorna, co obxectivo de evitar que a falta de capacidade eléctrica continúe bloqueando o desenvolvemento económico.
A moción inclúe tamén un chamamento aos concellos da comarca para que adopten acordos similares e a remisión do texto ás administracións e entidades implicadas.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.