O Concello de Narón organiza este venres 12 de xuño unha xornada de actividades gratuítas no Parque de Freixeiro enmarcada no programa municipal Escola de Benestar.

De 16:00 a 20:00 horas, este espazo verde acollerá propostas de movemento, atención plena e saúde mental dirixidas tanto a familias como a persoas adultas, nun formato pensado para desconectar e coidarse nunha contorna natural.
A primeira sesión da tarde será un «Paseo do Benestar«, unha ruta circular sinalizada polo parque que estará dispoñible durante toda a xornada. Máis que un simple paseo, o percorrido inclúe unha breve exposición sobre saúde mental integrada no propio camiño, de xeito que as persoas participantes poidan reflexionar mentres se moven ao aire libre e ao seu propio ritmo.
Ás 17:00 horas dará comezo o obradoiro «Atención Plena en Familia», destinado a familias con nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Durante unha hora e cuarto, ata as 18:15 horas, traballaranse técnicas de mindfulness adaptadas á presenza de cativos, nun espazo que convida á calma e á conexión entre pais, nais e fillos/as e para o que se recomenda levar esteira ou toalla.
Media hora despois, ás 18:30, será a quenda das persoas adultas co obradoiro «Benestar e Movemento», unha sesión de actividade física ao aire libre que se prolongará ata as 19:30 horas.
Estes dous obradoiros teñen prazas limitadas e é imprescindible reservar con antelación a través de WhatsApp no número 644 747 889.
Para pechar a tarde, ás 19:30 horas celebrarase o «Sorteo do Benestar», no que se repartirán premios entre todas as persoas participantes nas actividades da xornada.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
