A Fusquenlla, protagonista do apartado agroalimentario da XXIX Feira da Plantación de San Sadurniño

Os sendeiros da finca da Cortiña e do paseo fluvial do Xubia, en San Sadurniño, volven acoller este domingo a Feira da Plantación. Van xa 29 edicións dun evento nacido con idea de reivindicar o saber facer dos viveiros de planta ornamental da zona, pero que xa desde os seus inicios tamén serviu para poñer en valor a produción de horta e froitas de proximidade.

Foto César Galdo

Tal é así que nos últimos anos a feira se converteu nunha das citas sectoriais de referencia da nosa comarca e tamén de Galicia, habida conta do elevado número de postos que acoden -este ano botaron solicitude máis dun cento-, pola variedade e calidade da oferta e pola grande cantidade de público que se xunta durante toda a xornada.

Público que pasea, mira moito e compra tanto planta como produtos elaborados. Esta primeira feira anual de San Sadurniño é un magnífico escaparate do potencial do sector primario e, por esa mesma razón, unha oportunidade que ninguén do ámbito agroalimentario da comarca deixa pasar. Tampouco A Fusquenlla, que vai estar presente en varios puntos á vez.  

A participación da Fusquenlla na Feira da Plantación do domingo será por partida tripla: nun posto propio onde se poderán probar distintos produtos e se explicará en que consiste o proxecto, con outro expositor compartido polas marcas que xa están facendo as súas elaboracións no obrador de Moeche e, por último, formando parte dos menús que ofrecerá como degustación o cociñeiro André Arzúa, dentro do programa A Paisaxe que sabe da Deputación da Coruña.

Foto César Galdo

No posto da Fusquenlla ofrecerase información sobre a maneira de integrarse na iniciativa, que require pasar un breve período de capacitación para manexar o equipamento dispoñible, ademais de adquirir formación teórica e práctica sobre seguridade e trazabilidade alimentaria. De atender preguntas e solventar calquera dúbida encargaranse varias das persoas que traballan desde hai tempo nas instalacións situadas no recinto feiral de San Ramón.

Ademais tamén darán a proba dun amplo mostrario dos produtos que alí se preparan, como compota de mazá con noces, salsa de cebola, marmelada de laranxa ou un aliño para acompañar, resultado do traballo de Noelia Sanjurjo, Marta María Yáñez, María José Fernández e María Dolores Varela.

Xunto con estas delicias, no expositor do proxecto tamén se poderán degustar durante toda a xornada varias das especialidades que xa están no mercado e que, ademais, contarán con posto de venda propio. Manda Carballo, marca creada en Vilarmaior por Alba Dalama e Mari Ángeles Blay, traerá dez propostas distintas entre deshidratados, pratos preparados, sales e untables, todos con setas como ingrediente principal.

Pola súa banda, Ay Carmen!, promovida por Carmen Caínzos desde Valdoviño, ofrecerá tomate confeitado, cebola caramelizada, zume de mazá, limoada e marmeladas de tomate, arando, mazá con canela, etc. Por último, Aires de Susi, de María Jesús Abeal -última produtora, por agora, en crear unha marca ao abeiro da Fusquenlla- traerá á feira zume de mazá, limoada, compota e marmelada de mazá.

Boa parte do produto transformado na Fusquenlla pode consumirse como alimento principal ou ben como parte doutros pratos. Na feira do domingo será o cociñeiro André Arzúa -promotor do centro gastronómico Espazo abella- quen nos mostrará algunhas desas posibilidades culinarias, integrando no seu menú degustación marmeladas, conservas e salsas feitas en Moeche. O chef ofrecerá tres demostracións durante o día, unha ás 11:30 horas, outra ás 13:30 horas e a última ás 18:00h, encadradas na campaña A Paisaxe que sabe  da área provincial de Turismo.

Tamén na radio
Por último, cabe reseñar que Radio Fene (107.7 FM) emitirá a partir das 10:30 horas un programa especial ao vivo co título «Sementando futuro no rural», que reserva un bo pedazo da súa escaleta de contidos para falar de produción de proximidade, de soberanía alimentaria e, sobra dicilo, tamén da Fusquenlla.

Lea también

Un total de 13.993 alumnos se incorporarán a 4º de Infantil el próximo curso, con un 31,6% de las plazas libres

Un total de 13.993 alumnos se incorporarán el próximo mes de septiembre a las aulas …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *