Chega a Odeón a loita contra o idadismo co lema “Narón suma vida»

Con motivo do Día Internacional de Toma de Conciencia sobre o Abuso e Maltrato na Vellez, que se celebra cada 15 de xuño, o Concello de Narón organiza este mércores un acto de visibilización contra o idadismo no centro comercial Odeón.
 
 
A partir das 17.30 horas, tres grupos do Centro Comunitario Integrado Manuela Pérez Sequeiro actuarán na praza de eventos do complexo cunha proposta que inclúe cantos de taberna, baile e cancións de animación. A presentación correrá a cargo de Paula Fernández, coordinadora do centro.
 
O idadismo, termo que designa os prexuízos, estereotipos e discriminacións que se exercen sobre as persoas en función da súa idade, é un dos problemas máis normalizados e menos recoñecidos da sociedade actual, segundo a Organización Mundial da Saúde. Opera de forma sutil pero profunda e condiciona a maneira en que pensamos, sentimos e actuamos cara ás persoas maiores, repercutindo directamente nas políticas públicas, no acceso a servizos e na participación social.
 
A concelleira de Benestar de Narón, María Lorenzo, subliñou a importancia de trasladar esta mensaxe ao espazo público: “O idadismo segue a ser unha das formas de discriminación máis invisibles, e por iso precisamos visibilizala. Queremos que este acto faga pensar, pero tamén que transmita enerxía e alegría, porque iso é precisamente o que representan os nosos centros comunitarios”.
 
Lorenzo destacou ademais o valor simbólico do lema que guía esta iniciativa: «’Narón suma vida’ é unha declaración de principios. As persoas maiores non son unha carga, senón parte activa e imprescindible do que somos como municipio”. Fronte aos prexuízos, Narón reivindica con este evento que os seus centros comunitarios son un exemplo vivo de que a idade suma.
 
Os grupos do centro Manuela Pérez Sequeiro mostrarán este mércores nun espazo de tránsito cidadán que o envellecemento activo, a creatividade e a participación colectiva son a mellor resposta contra a discriminación por razón de idade.

Lea también

El naronés desaparecido en sábado ha sido localizado en Asturias en perfecto estado de salud

El vecino de Narón Bruno González Mauriz, de 43 años, asesor del concello naronés y …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *