Narón acolle os Campionatos Nacional Máster e Noroeste de Powerlifting

O Concello de Narón será escenario esta fin de semana dun destacado evento deportivo coa celebración, por primeira vez no municipio, do Campionato de España Máster de Powerlifting. A cita terá lugar este sábado no Pavillón Campo da Serra e continuará o domingo coa disputa do Campionato do Noroeste desta disciplina.
 
As competicións darán comezo en ambas xornadas ás 9:00 horas. O sábado prolongaranse ata as 23:15 horas, mentres que o domingo rematarán arredor das 16:00 horas. En total, tomarán parte nas diferentes sesión e categorías 137 deportistas. O evento está organizado polo Club Power Fénix e a Asociación Española de Powerlifting, e conta coa colaboración do Concello de Narón.
 
Na presentación oficial participaron o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, xunto co presidente e vicepresidente do club, Aurelio Morado e Jesús Prieto; a deportista naronesa e campioa do mundo Zoraida Bermúdez; e os tamén os membros de Power Fénix Daniel Trillo e Ricardo Darriba. Jesús Prieto destacou a relevancia dunha cita que reunirá “os mellores levantadores de todos os puntos de España” e que contará con preto dun cento de competidores nas categorías máster, a partir dos 40 anos.
 
 
“Imos ter o privilexio de ver competir a campioa do mundo Zoraida Bermúdez, así como a Aurelio Morado, que con 71 anos participa na categoría Máster 3 e Máster 4”, sinalou, incidindo tamén na presenza de deportistas veteranos procedentes doutros territorios, incluíndo competidores de máis de 70 anos. Prieto puxo en valor o carácter inclusivo desta disciplina: “O que queremos reflectir é que o deporte non ten límite de idade. Está collendo moito auxe nas categorías avanzadas e é unha oportunidade extraordinaria para ver do que son capaces”. Así mesmo, subliñou o atractivo do evento como “un espectáculo” para o público afeccionado ao levantamento de pesas.
 
No que respecta ao Campionato do Noroeste, que se celebrará o domingo, indicou que reunirá os mellores deportistas de Galicia, Asturias e Castela e León, nunha proba clasificatoria para o campionato nacional absoluto. “É a segunda vez que se organiza na comarca de Ferrolterra, despois da edición de 2022 en Ferrol”, lembrou. Pola súa banda, o edil de Deportes, Ibán Santalla, agradeceu o traballo do club organizador e destacou a importancia de apoiar este tipo de iniciativas: “Cando apostamos por competicións como esta é porque vemos a vosa capacidade organizativa e a maneira de traballar”.
 
 
Santalla incidiu tamén na necesidade de dar visibilidade a disciplinas emerxentes: “É importante dar a coñecer deportes que están medrando pouco a pouco e que cada vez contan con máis practicantes”. O concelleiro animou a cidadanía a achegarse ao Pavillón Campo da Serra durante a fin de semana e deu a benvida aos participantes chegados doutras comunidades: “Agardamos que se encha o pavillón e que todos os que veñan de fóra gocen da súa estancia. As portas de Narón están abertas para todos”.
 
A competición tamén pode seguirse en liña a través da canle de Youtube da Asociación Española de Powerlifting. A organización prevé unha elevada participación e a chegada de acompañantes e equipos técnicos, o que tamén suporá un impacto positivo na actividade hostaleira e turística do municipio durante esta fin de semana.

Lea también

El concello organiza su II Triangular de fútbol femenino con el apoyo del Rápido de Neda

Los días anteriores se juega también en el campo municipal de Neda una nueva edición …