Avanzan a bo ritmo as obras da primeira fase da futura estación náutica do lago das Pontes

As obras da primeira fase da futura estación náutica do lago das Pontes avanzan a bo ritmo, dando pasos firmes cara á creación dunha infraestrutura chamada a converterse nun referente do turismo activo e sostible no norte da provincia.

Os traballos forman parte dun proxecto cun orzamento de licitación de 340.536,35 euros e enmárcase nunha iniciativa financiada con fondos europeos Next Generation, que mobiliza preto de 3 millóns de euros nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, co obxectivo de impulsar un modelo de turismo sostible e diversificado.

Esta primeira intervención céntrase no acondicionamento do terreo, coa execución dunha explanada sobre a que se asentará a estación, así como na habilitación dos accesos á lámina de auga.

Así, xa se están a executar unha explanada dotacional de máis de 3.800 metros cadrados, deseñada para facilitar a práctica de actividades náuticas e deportivas en condicións óptimas de seguridade e accesibilidade. O espazo contará cunha zona de escaleiras e bancadas para o acceso de embarcacións de remo, como kaiaks, así como cunha rampla de ata 14 metros de ancho destinada a embarcacións de vela lixeira e lanchas pneumáticas de apoio.

As obras inclúen tamén a construción de muros de escollera para garantir a estabilidade do terreo, a habilitación dunha área específica de 50 metros cadrados para a limpeza e desinfección de embarcacións —dotada cun sistema de recollida e bombeo das augas empregadas— e a instalación de elementos de seguridade como varandas e sinalización vertical.

O proxecto complétase coa dotación de servizos básicos, entre eles subministración eléctrica, abastecemento de auga, drenaxe e saneamento, así como a instalación de iluminación pública mediante proxectores LED de baixo consumo, reforzando o compromiso coa eficiencia enerxética e a sustentabilidade ambiental.

O presidente da Deputación e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, destacou que “as obras avanzan conforme ao previsto, cumprindo os prazos establecidos e consolidando un proxecto cunha clara vocación sostible”. Así mesmo, subliñou que “esta actuación permitirá poñer en valor o lago das Pontes como recurso natural e deportivo, ao tempo que abre novas oportunidades para o lecer e a dinamización económica local”.

Formoso engadiu que “a chegada dos fondos europeos está a facer posible impulsar investimentos transformadores que contribúen a diversificar o modelo produtivo dun territorio tradicionalmente vencellado á industria, incorporando novas liñas de desenvolvemento baseadas na natureza, o patrimonio e o turismo de calidade”.

Segundo as previsións, esta primeira fase das obras estará rematada no mes de maio, momento no que se dará paso a unha segunda fase que incluirá a construción do edificio da estación náutica.

Lea también

Denunciado un conductor que circulaba a 141 km/h en un tramo limitado a 50 km/h en Fene

La Guardia Civil, a través de efectivos del Destacamento de Tráfico de Ferrol, ha procedido …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *