O Auditorio Municipal de Narón acolle este sábado 25 de abril, a partir das 17:00 horas, o I Encontro de Coros Cidade de Narón, unha cita que reunirá sobre o escenario a seis formacións corais co obxectivo de poñer en valor esta tradición musical inserta no tecido cultural da cidade.
No concerto participarán as tres agrupacións corais existentes actualmente en Narón: a Coral Chorima de Castro, a Coral Amistade de Couto e a Coral Areosa de Piñeiros. Xunto a elas, actuarán como coros convidados o Coro Villa de Boal, procedente de Asturias, así como as formacións ferrolás Airiños de Caranza e a Agrupación Artística Nas Ondas do Mar.A presentación do evento tivo lugar na Casa do Concello, nun acto no que participaron representantes das tres corais naronesas e a alcaldesa, Marián Ferreiro, tamén presidenta do Padroado da Cultura, entidade organizadora desta iniciativa. Durante a súa intervención, a rexedora destacou a importancia da cita como “un punto de encontro para compartir música, experiencias e convivencia entre agrupacións que manteñen viva unha das expresións culturais máis arraigadas na nosa contorna”.
Así mesmo, subliñou que este primeiro encontro “nace con vocación de continuidade e de converterse nun referente dentro da programación cultural de Narón”. Ferreiro puxo en valor o traballo das corais locais, “que realizan un labor fundamental na dinamización cultural das parroquias e na conservación do patrimonio musical”, e animou a veciñanza a asistir ao concertó, con entrada libre, para “gozar dunha tarde de música coral de gran calidade e apoiar as nosas agrupacións”.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
