O II Pasea e Tapea por Valdoviño encara o seu terceiro e último fin de semana

Dezaoito establecementos hosteleiros do municipio servirán as súas elaboracións de venres a domingo no certame organizado polo Concello.

A segunda edición do Pasea e Tapea por Valdoviño entra na súa recta final. Esta fin de semana a cidadanía terá a última oportunidade para degustar as saborosas elaboracións realizadas polos dezoito establecementos de hostalería que participan no certame organizado polo Concello.

Será de venres a domingo, en tres horarios diferenciados segundo o local, e ao prezo único de 2,5 euros.

A concelleira de Turismo e Cultura, Rosana García, valoraba positivamente a resposta cidadá á iniciativa, coa que o Concello busca apoiar o sector hosteleiro en tempada baixa, dando visibilidade aos negocios e procurando novos argumentos para visitalos e desfrutalos, e tamén promocionar o municipio a través da súa gastronomía.

Precisamente será a clientela a que decida cos seus votos a mellor tapa do concurso.

Para isto, deberá percorrer todos os establecementos, probar as súas elaboracións, selar a cartilla e introducila na urna coa súa elección e teléfono de contacto. A próxima semana realizarase o reconto e tamén o sorteo da comida ou cea no local gañador entre as tarxetas recepcionadas.

Non será o único premio. Con cada tapa o cliente recibe un boleto que, cuberto, pode entregar tamén en urna e participar así no sorteo de tres cestas con produtos gastronómicos do territorio. Produtos adquiridos na cooperativa de Lago, na Tenda de Meirás e máis á produtora local Ay Carmen -o pasado ano a compra fíxose na cooperativa de Meirás-.

A relación de locais participantes no certame é a seguinte, segundo o horario de apertura:

Venres e sábadosde 20:30 a 22 horas e sábado e domingo de 12:30 a 14:30 horas

Pide&Pika: Tentación crocante

Café Bar Piruliña: Delicatessen do mar de Valdoviño

Os Dous de Sempre: ovos e zorza

Casa Marino: Niño de ovo de codorniz

Campo García: Panipuri recheo de longaniza

Las Olas by Pantín: Midnight Blues

A Cepa: Ovos encapotados con pastel de porro

O Garaxe: Delicias de chocos

Kami: Brocheta de polo doce

Teleclub Vilaboa: En Vilaboa quero quedar

Venres e sábados de 20:30 a 22 horas

A Madriña: Timbal de rabo de vaca ao viño tinto

O Castro: Canastilla crocante de roupa vella

Porta do Sol: Tenreira ao caldeiro

Sábados e domingos de 12 a 14 horas

A Torre do Lago: Do mar a Torre

O Bichesco: Hot dog de cocido

A Trasanquesa: Callos

Morriña: Roliño Morriña

A Taberna do Puntal: Empanada de cocido

Lea también

Jornada de puertas abiertas en la Biblioteca Naval de Ferrol, «la cultura también se navega»

Este viernes día 23 de octubre, con motivo de la celebración del Día Internacional de …