A Gándara, centro do baile deportivo galego con hip hop, latinos e o XXV Trofeo Cidade de Narón

 
O pavillón polideportivo da Gándara volverá situar Narón no epicentro do baile deportivo galego esta fin de semana, cunha intensa programación que reunirá arredor de 1.200 participantes entre o sábado e o domingo.
 
A actividade principiará o sábado ás 11.30 horas coa terceira proba da Liga Galega de hip hop, que se prolongará ata as 19.30. Nesta cita participarán uns 800 deportistas, nunha das modalidades con maior atractivo entre o público máis novo e cun formato dinámico que enche habitualmente as bancadas. O domingo collerá o relevo o baile deportivo máis clásico.
 
A partir das 9.30 horas disputarase o XXV Trofeo de Baile Deportivo Cidade de Narón, unha cita xa consolidada que inclúe categorías de ritmos caribeños, danza coreográfica, estándar e latinos. Pola tarde, o protagonismo será para o Campionato Galego de Latinos, que lle porá o ramo á fin de semana.
 
Na presentación das probas, o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, puxo en valor o impacto dun evento destas características: “Falamos dunha fin de semana na que Narón se enche de actividade deportiva e tamén de xente chegada doutros puntos de Galicia, o que sempre ten unha repercusión positiva para a cidade”.
 
O edil subliñou ademais o compromiso municipal con este tipo de disciplinas, “que combinan deporte, cultura e espectáculo e que contan cunha base social moi importante”.
 
Pola súa banda, o presidente do Club Baile Deportivo Narón, Jesús Marcos Doval, destacou o apoio institucional recibido ao longo dos anos: “Sen a colaboración do Concello sería imposible manter unha cita deste nivel e, sobre todo, facela medrar como o fixo ata agora”.
 
Doval fixo fincapé tamén no carácter especial desta edición, xa que o Trofeo Cidade de Narón celebra as súas vodas de prata: “Son 25 anos de historia que reflicten o traballo constante de moita xente e o arraigamento do baile deportivo en Narón”.
 

Lea también

Avanzan as obras para renovar beirarrúas e cruces en Xuvia, Narón, e mellorar a accesibilidade

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, supervisaron o …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *