A exposición inaugurarase este xoves ás 12:00 horas.
A exposición «Nós tamén fomos emigrantes» chega a Valdoviño da man de Abanca e AFundación. A mostra inaugurarase este mesmo xoves 23 de abril ás 12:00 horas, na sala de exposicións da casa da cultura, onde permanecerá ata o 22 de maio.
O público poderá achegarse a unha valiosa selección fotográfica da Axencia EFE, que amosa esa realidade histórica da emigración, galega e española, a través dunha síntese de 40 imaxes sacadas coa mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. Así mesmo, a expo vén acompañada da iniciativa Cultura por Alimentos, un programa solidario en colaboración cos bancos de alimentos de Galicia que convida á cidadanía a realizar doazóns de produtos non perecedoiros.
Así, a exposición amosa, en branco e negro, retratos próximos que narran as circunstancias vitais da xeneración das nosas nais e pais, e tamén avós e avoas, que abandoaron a súa terra na búsqueda dun futuro mellor durante a década dos 50 e 60, décadas de fame, subdesenvolvemento, falla de liberdade, pero tamén de construción e de aforrar a peseta para un soñado retorno.
Esta exposición forma parte do proxecto «Corrente Cultural«, unha aposta de Abanca e Afundación para promover a cultura por toda Galicia, polos diferentes concellos e contando coa súa colaboración, construíndo unha rede de calidade que leva novas propostas máis aló dos edificios. As iniciativas que conforman este ciclo parten dunha produción de nivel, cun interese específico para a comunidade e unha estreita vinculación coas nosas tradicións e historia.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

