A Asociación Española Contra o Cancro na provincia da Coruña presenta este xoves, 23 de abril, a ‘Rede de Concellos Contra o Cancro’ (RCCC), unha iniciativa impulsada co apoio da Deputación da Coruña para reforzar a colaboración institucional fronte ao cancro desde un enfoque preventivo, comunitario e de apoio psicosocial.
O acto terá lugar a partir das 10:30 horas no Espazo Avenida Abanca (Cantón Grande, 7, A Coruña) e enmárcase dentro do encontro anual coas Xuntas Locais da Asociación na provincia.
O cancro constitúe na actualidade un dos principais problemas de saúde pública na provincia. Só en 2024 diagnosticáronse 7.959 novos casos na Coruña —dun total de 19.401 en Galicia—, o que a sitúa como a provincia máis afectada da comunidade. Ademais, a prevalencia a tres anos supera as 16.000 persoas, cun importante impacto tamén na súa contorna familiar e social.
Neste contexto, a Rede de Concellos Contra o Cancro é un proxecto que nace co obxectivo de fortalecer a coordinación entre institucións públicas e privadas, promover accións de prevención, reforzar o apoio a pacientes e ás súas familias, e dinamizar o voluntariado, especialmente en municipios rurais e semiurbanos, onde existen maiores dificultades de acceso a recursos.
Os gobernos locais desempeñan un papel clave neste reto, pola súa proximidade á cidadanía e a súa capacidade para impulsar políticas públicas que favorezan a saúde e a equidade, así como para fomentar a participación comunitaria.
O acto contará coa participación do presidente da Xunta Provincial da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña, Javier Álvarez Barbeito, e do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. Tamén asistirán membros do Consello Provincial da Asociación, deputadas e deputados provinciais, alcaldes e alcaldesas da provincia, ademais doutras autoridades e persoas voluntarias das Xuntas Locais da Asociación.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
