A corporación daba luz verde á moción do BNG e tamén ás do PP relativas á modificación do regulamento de Costas e os ataques dos lobos. O debate da sesión ordinaria de abril xa está dispoñible na web municipal.
A corporación municipal de Valdoviño aprobou en pleno as mocións presentadas polos populares en relación á regulación de Costas e a problemática do lobo e o sector gandeiro, así como a asinada polos nacionalistas para a creación do Consello Local de Memoria Democrática de Valdoviño.
Foron algúns dos asuntos dunha sesión ordinaria, a de abril, que a cidadanía xa pode consultar a través da web municipal (https://valdovino.seneca.tv/activity).
Cos votos a favor de BNG e PSOE e en contra do PP, o pleno aprobaba unha moción nacionalista onde se acorda a creación do Consello Local de Memoria Democrática de Valdoviño como órgano consultivo e de participación cidadá en materia de memoria democrática.
No documento establécese iniciar os trámites necesarios para a elaboración e aprobación dun regulamento municipal que defina a composición, funcionamento e periodicidade das reunións do Consello, garantindo a participación da sociedade civil.
Tamén, establecer que o Consello teña entre as súas funcións o asesoramento ao Concello na recuperación, protección e difusión da memoria democrática local, incluíndo especificamente os lugares de memoria e a memoria das persoas represaliadas, así como dotar ao Consello dos medios necesarios para o desenvolvemento das súas funcións, dentro das posibilidades orzamentarias municipais.
Finalmente, o Concello manifesta na moción o seu compromiso co cumprimento da Lei de memoria democrática e coa defensa dunha memoria baseada nos valores da liberdade, da democracia e da xustiza social.
Cos votos a favor de PP e PSOE e a abstención do BNG, aprobábase a moción popular en relación á modificación do Regulamento Xeral de Costas. Os populares accedían á petición socialista de retirar o primeiro punto do documento, logrando así a adhesión do PSOE. Reclámase a convocatoria de todas as reunións necesarias cos sectores afectados e particulares para incorporar a súa realidade na normativa, así como que a reforma do regulamento veña precedida da modificación da Lei de Costas.
E por unanimidade a corporación aprobaba finalmente a moción do PP sobre a problemática do lobo. Nesta ocasión, os populares aceptaban a enmenda de modificación formulada polos socialistas na que se solicitaba trasladar as reivindicacións non só ao Goberno central senón tamén á Xunta, coa competencia na xestión deste asunto. Así, o documento reclama implementar medidas que compatibilicen a conservación do lobo coa defensa dos intereses do sector gandeiro.
Así mesmo, cos votos a favor de socialistas e nacionalistas, e en contra dos populares, tamén saía adiante a tramitación de tres convenios urbanísticos, que se recollerán no PXOM hoxe en fase de elaboración, e acordábase non continuar cun cuarto en base aos informes técnicos xurídicos -neste caso, por unanimidade dos tres grupos-.
Enlace á sesión plenaria: https://valdovino.seneca.tv/activity
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
