As Pontes avanza na demolición do antigo Pardo Bazán, solar futuro da Casa de Acompañamento a Persoas Maiores

O Concello das Pontes continúa avanzando nos traballos de demolición do antigo Colexio Pardo Bazán, iniciados hai unhas semanas, unha actuación clave para habilitar a parcela na que a Deputación da Coruña construirá a futura Casa de Acompañamento a Persoas Maiores, o primeiro xeriátrico público do municipio.

Esta intervención, cun orzamento de 400.205 euros, afecta a un conxunto arquitectónico composto por dúas edificacións diferenciadas: o edificio orixinal, situado na esquina das rúas Pardo Bazán e Calderón de la Barca, construído con muros portantes de dobre fábrica de ladrillo, estrutura horizontal de madeira maciza de castiñeiro e cuberta de lousa; e unha ampliación posterior executada en formigón armado, con forxados unidireccionais, cubertas inclinadas sobre estruturas metálicas e de madeira, ademais dunha zona de ximnasio parcialmente soterrada.

Os traballos estanse a desenvolver conforme ao plan previsto, que contempla unha demolición progresiva de arriba abaixo e estruturada en dez fases. Tras a revisión previa e corte de todos os subministros, procedeuse á retirada de elementos como cubertas, carpinterías e estruturas metálicas, para facilitar o desescombro.

Na actualidade, estanse executando as fases centrais da demolición, que inclúen o derrubo controlado de diferentes elementos estruturais, entre eles o muro sur e a antiga vivenda adosada. Especial relevancia ten a demolición do edificio situado xunto á rúa Calderón de la Barca, que pola singularidade da súa estrutura está a ser abordada mediante técnicas combinadas manuais e mecánicas.

Posteriormente, acometeranse os traballos de retirada de tabiques e cerramentos, así como a demolición dos forxados, incluíndo a eliminación da capa de compresión, bovedillas, viguetas e vigas, sempre en tramos seguros e baixo estrito control técnico.

A intervención concluirá coa demolición da cimentación e dos pavimentos, o traslado dos residuos a xestores autorizados e a recuperación dos áridos. Unha vez rematados os traballos, a parcela quedará valada cun peche metálico para garantir a seguridade.

 

Estas actuacións están a provocar afeccións puntuais á mobilidade, especialmente nas rúas Calderón de la Barca e Ramón e Cajal, que permanecen pechadas ao tráfico nas fases máis sensibles da obra. O paso peonil tamén se restrinxe de forma puntual, sempre baixo a supervisión do persoal de obra.

O Concello das Pontes salienta que esta actuación supón un paso decisivo para dispoñer dun solar seguro e plenamente preparado para a construción dunha infraestrutura esencial, que reforzará os servizos sociais no municipio e na súa contorna.

Lea también

Ferrol cancela la escala del crucero afectado por un brote de gastroenteritis, que tenía previsto llegar este sábado

El crucero Ambition, afectado por un brote de gastroenteritis mientras permanece atracado en la ciudad …