O Concello abre inscricións para esta masterclass gratuíta, impartida polo actor dramaturgo Juan Anillo e polo experto en teatro clásico Nortan Palacio.
A Casa da Cultura de Neda acollerá o día 9 dese mes un obradoiro intensivo de interpretación, a cargo de dous profesionais de ampla traxectoria. Trátase dunha proposta cultural gratuíta, froito da colaboración coa Deputación da Coruña, para a que dende xa se abre o prazo de inscrición. As prazas son limitadas.
Ao fronte da iniciativa, destinada a ensinar técnicas básicas de interpretación teatral, estarán o Juan Anillo, actor de teatro, cine e televisión, dramaturgo, director e mestre de teatro, e máis Nortan Palacio docente en máster de especialización en teatro clásico na escola de postgrao da Universidad de Alcalá de Henares, ademais de actor e dramaturgo.
O obradoiro-masterclass comezará cunha visión do panorama teatral (estrutura, linguaxe e estilos), abordándose despois cuestións relativas ao manexo da voz como a dicción, a entoación; traballarase o uso axeitado do espazo escénico, a expresión corporal e a xestión de emocións e sentimentos, ademais de exercicios de improvisación.
O taller, que se estenderá dende as 10 ata as 17 horas, cun descanso para que a xente poida tomar un refrixerio, busca non só adentrar aos participantes no mundiño teatral e contribuír a espertar posibles vocacións senón tamén ensinar técnicas que poden resultar útiles no manexo de situacións sociais ou profesionais.
As persoas interesadas en sumarse a esta proposta deberán anotarse na Biblioteca municipal de Neda (tlf. 981390233), de luns a venres, de 9 a 13 e de 17 a 20 horas.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

