O presidente da Deputación subliña que o POS+2026 inviste máis de 16,1 millóns de euros na comarca e reclama á Xunta que incremente o Fondo de Cooperación Local ata os 200 millóns
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Plans, Cristina García, visitaron o Concello de Mugardos, onde foron recibidos polo alcalde, Juan Domingo de Deus, e polos membros da corporación municipal. Durante a visita mantiveron un encontro institucional no que analizaron o impacto do Plan Único (POS+) no municipio e no conxunto da comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal.
Formoso destacou que o Plan Único se consolidou como “a principal ferramenta de apoio económico da Deputación aos concellos” e subliñou que o modelo permite que cada municipio decida con plena autonomía o destino dos fondos, tanto para obras como para servizos municipais, financiando gasto corrente ou programas sociais.
O presidente provincial sinalou que a primeira achega do POS+2026 supón unha inxección de 16.175.520,48 euros para os concellos da comarca, “uns fondos que permiten mellorar infraestruturas, reforzar servizos básicos e atender necesidades sociais, pero tamén garantir o funcionamento diario dos concellos e a calidade de vida da veciñanza”.
Formoso puxo en valor o impacto acumulado do plan, que desde a súa creación mobilizou xa 161.065.151,79 euros na comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal e permitiu financiar 887 obras nos distintos municipios. “Estamos a falar de investimentos que chegan a todos os concellos e que permiten facer desde grandes obras ata actuacións pequenas pero moi necesarias no día a día”, afirmou.
O presidente lembrou tamén a necesidade de mellorar o financiamento municipal en Galicia e destacou que o Plan Único investiu o pasado ano 138 millóns nos 93 concellos da provincia, 20 millóns máis dos que investiu a Xunta nos 313 municipios galegos a través do Fondo de Cooperación Local. Por iso, reclamou á administración autonómica que incremente este fondo ata un mínimo de 200 millóns de euros “para aliviar a presión económica que están a sufrir os concellos”.
No caso concreto de Mugardos, o municipio recibirá 366.934,69 euros no POS+2026. Desde a posta en marcha do plan en 2017, o investimento acumulado da Deputación neste concello ascende a 4.100.174,45 euros, que permitiron financiar 36 obras no municipio.
Pola súa banda, a deputada de Plans, Cristina García, destacou que o Plan Único supuxo “un cambio de paradigma na colaboración cos concellos”, ao permitir adaptar os fondos ás necesidades reais de cada municipio. “É un plan que dá autonomía, que deixa a decisión de elixir en qué se inviste a quen realmente coñece as necesidades da veciñanza, que son os concellos”.
A deputada destacou tamén “a flexibilidade do plan”, que permite destinar fondos a obras, gasto social ou gasto corrente, “adaptándose ás necesidades de cada concello”. “Nunha provincia como a nosa é o único modelo que ten sentido”, afirmou Cristina García, que remarcou o “impacto positivo” que teñen as obras na economía local.
Pola súa banda, o alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, agradeceu a visita institucional para presentar o Plan Único “que axuda moito aos concellos, sobre todo aos pequenos e medianos municipios que temos moitos problemas no día a día”. “Os concellos necesitamos a colaboración doutras administracións porque temos demasiados servizos que prestar, moitas veces impropios, pero que temos que seguir sostendo”.
Visita á Casa da Cultura
Durante a visita, o presidente e a deputada de Plans, acompañados polo alcalde, visitaron a Casa da Cultura de Mugardos, onde a Deputación financiou con 143.593 euros as obras de mellora da envolvente térmica do edificio.
A intervención centrouse na renovación da envolvente térmica do inmoble, incluíndo a substitución de carpinterías e acristalamentos por outros de maiores prestacións, a instalación dun sistema de illamento térmico exterior nas fachadas e a mellora da cuberta, incorporando novos materiais illantes e reforzando a súa impermeabilidade.
Estas actuacións permitiron mellorar o confort térmico do edificio e reducir o consumo enerxético, ao tempo que contribuíron á conservación e posta en valor dun espazo de uso sociocultural moi importante para a veciñanza de Mugardos, que alberga entre outros servizos unha aulas de música, pintura e informática.
Investimentos do Plan Único nos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal
|
Concello |
POS+ 2026 (€) |
Total 2017-2026 (€) |
Nº obras |
|---|---|---|---|
|
Ares |
528.868,43 |
5.404.934,88 |
30 |
|
Cabanas |
515.601,41 |
5.001.402,68 |
44 |
|
A Capela |
457.625,89 |
4.052.278,19 |
26 |
|
Cedeira |
853.967,52 |
8.513.735,48 |
35 |
|
Cerdido |
417.188,59 |
4.034.491,18 |
37 |
|
Fene |
896.188,48 |
9.367.905,18 |
48 |
|
Ferrol |
713.656,24 |
8.273.288,68 |
60 |
|
Mañón |
589.932,29 |
6.144.867,95 |
58 |
|
Moeche |
444.763,79 |
4.206.823,00 |
39 |
|
Monfero |
983.059,74 |
9.948.929,91 |
37 |
|
Mugardos |
366.934,69 |
4.100.174,45 |
36 |
|
Narón |
2.184.536,77 |
20.453.805,43 |
67 |
|
Neda |
488.582,31 |
4.937.578,97 |
41 |
|
Ortigueira |
1.502.653,60 |
15.069.258,67 |
70 |
|
Pontedeume |
697.733,52 |
6.843.825,14 |
31 |
|
As Pontes |
1.790.718,77 |
18.533.578,82 |
87 |
|
San Sadurniño |
736.130,69 |
7.026.463,28 |
50 |
|
As Somozas |
585.227,65 |
5.516.813,03 |
39 |
|
Valdoviño |
881.627,14 |
8.457.989,29 |
27 |
|
Cariño |
540.522,96 |
5.177.007,58 |
25 |
|
TOTAL |
16.175.520,48 |
161.065.151,79 |
887 |
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.


