Concello de As Pontes e a Oficina Rural Comarcal unen esforzos para fortaler o sector primario

O alcalde, Valentín González Formoso, e a concelleira de Promoción Económica, Elena López, mantiveron unha reunión de traballo co xefe de sección da Oficina Rural Comarcal, Alejandro Martínez, co obxectivo de fortalecer a coordinación institucional e avanzar en novas vías de colaboración en favor do sector primario.

Durante a xuntanza, ambas partes puxeron en valor a boa sintonía existente e a vontade compartida de manter unha colaboración estable e continuada que permita dar resposta ás necesidades do territorio, especialmente no ámbito rural.

Neste contexto, desde o Concello destacouse o potencial do municipio, caracterizado por un elevado número de explotacións prioritarias e por unha crecente incorporación de xente moza ao sector primario, factores clave para garantir a remuda xeracional e a sustentabilidade da actividade agraria.

Así mesmo, fíxose balance das accións formativas desenvolvidas no municipio, entre as que destacan os cursos de aptitude empresarial agraria dirixidos á mocidade, organizados pola Consellería do Medio Rural, así como accións formativas específicas para a incorporación en explotacións de carne e no ámbito da apicultura, cunha acollida moi positiva.

Na mesma liña, abordouse a organización dunha xornada específica sobre o acceso á terra, na que se tratarán cuestións clave como a propiedade xurídica, o catastro e outros aspectos administrativos e legais fundamentais para facilitar a posta en marcha ou ampliación de explotacións agrarias.

Durante o encontro tamén se puxo en valor o papel de entidades de referencia como a Casa do Mel, fundamentais para dinamizar o sector, promover os recursos locais e consolidar o posicionamento do municipio como un territorio con amplas oportunidades de desenvolvemento rural.

Ambas partes coincidiron na importancia de seguir avanzando nun traballo coordinado que contribúa a fortalecer o tecido produtivo local e a aproveitar ao máximo o potencial do medio rural.

Lea también

Inscricións abertas en Neda para as actividades acuáticas infantís na piscina municipal

Neda porá en marcha, un ano máis, na piscina municipal un programa matinal de actividades …