Tres alumnas do Campus Industrial de Ferrol, premiadas na V Convocatoria de Proxectos “l´AGITATEUR” da Fondation Université Bretagne Sud

Tres alumnas do grao en Xestión Industrial da Moda, Eva Rodal Aparicio (Ferrol, 2004), Elena Prado García (Gijón, 2004) e Andrea Velilla Villazala (León, 2004), veñen de gañar un dos catro premios da quinta edición de “l´AGITATEUR”, unha convocatoria de proxectos promovida pola Foundation Université Bretagne Sud e dirixida ao estudantado das nove universidades europeas de rexións periféricas que integran a Alianza EMERGE: a University of Limerick (Irlanda), a Democritus University of Thrace (Grecia), a Europa- Universität Flensburg (Alemaña), a Inland Norway University of Applied Sciences (Noruega), a Neapolis University Pafos (Chipre), a Université Bretagne Sud (Francia), a Université Rennes 2 (Francia), a Univerzita Mateja Bela v Banskej Bystrici (Eslovaquia) e a Universidade da Coruña (España).

Unha marca de roupa modular

As estudantes da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol presentaron “Nomadé”, unha marca de roupa modular feita con liño galego así como con lá de ovella reciclada e producida en varios talleres de inserción social situados en distintos puntos da comunidade autónoma. “Queriamos que a moda sostible e de alta calidade fose realmente accesible para o alumnado universitario e para aquelas persoas con recursos económicos limitados, botando man dun deseño modular, dunha estrutura de prezos de tres niveis (de 15 a 150 euros) e dunha vía de acceso mediante un kit de bricolaxe”, explican as tres mozas.

Dado que “Nomadé” naceu como un proxecto académico nunha das materias do grao en Xestión Industrial da Moda, para participar na Convocatoria de Proxectos da Foundation UBS, as tres alumnas da Universidade da Coruña (UDC) elaboraron unha ambiciosa proposta para a súa incursión no mercado galego que incluía, entre outras accións, o lanzamento dunha Pop-Up na que se amosaría como transformar unha única prenda en cinco outfits e un repair café no que as tres mozas formarían á comunidade universitaria e, en especial, ao alumnado, naquelas técnicas básicas de reparación e de transformación modular. A súa proposta empresarial incluía tamén a creación dun “Nomadé Campus Lab” no que se integraría “educación, reparación e consumo consciente no eido universitario”. Nunha segunda fase do proxecto, prevíase explorar a integración do liño bretón como material local en Francia e replicar este proxecto no resto de universidades europeas que integran a Alianza EMERGE.

A proposta presentada por estas tres alumnas do Campus Industrial de Ferrol resultou galardoada cun dos catro premios da convocatoria e obtiveron un cheque por valor de 1.500 euros para poder avanzar no seu proxecto. A
maiores, tamén contarán, se así o desexan, co apoio de persoal experto para a mellora da valorización e da visibilidade desta iniciativa empresarial. Ante a imposibilidade das tres mozas de achegárense ata o Campus de Vannes para recibir o galardón, este foi recollido polo adxunto de Mobilidade e Convenios da Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización da Universidade da Coruña (UDC), Bruno Casal, aproveitando a súa participación, nesas mesmas datas, e no marco da Alianza EMERGE, na Semana Internacional da Université
Bretagne Sud.

Lea también

Graduación da última promoción Erasmus Mundus SEAS 4.0 en Nápoles

La vicerrectora del Campus de Ferrol y Responsabilidad Social, Ana Ares, el director del Campus …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *