O local social da Solaina celebra este próximo sábado 28 de marzo, ás 11:00 horas, a última actividade incluída na programación municipal de Narón con motivo do Día Internacional da Muller 2026.
Trátase dunha conferencia en formato de mesa redonda baixo o título “Benestar sen exclusión: muller e discapacidade na vida comunitaria”, centrada en visibilizar a realidade das mulleres con diversidade funcional e promover unha sociedade máis inclusiva. A iniciativa, integrada na Escola de Benestar, contará coa participación das entidades ACADAR e ASCM, que achegarán a súa experiencia e coñecemento sobre a situación das mulleres con discapacidade.
O encontro, aberto ao público, desenvolverase nun formato próximo e participativo, cunha disposición en semicírculo que facilitará o diálogo directo. O programa dará comezo cunha breve presentación das persoas participantes e das entidades implicadas, seguida das intervencións de ACADAR e ASCM.
Posteriormente, abrirase unha mesa redonda moderada na que se abordarán cuestións clave como as barreiras sociais invisibles ás que se enfrontan as mulleres con discapacidade, o impacto da dobre discriminación por razón de xénero e diversidade funcional, ou os retos existentes no ámbito da saúde mental e a atención psicolóxica.
Entre os temas a tratar tamén figuran as dificultades para exercer a autonomía persoal, o papel das redes de apoio e das asociacións, así como propostas concretas para avanzar cara a unha inclusión real no día a día. A sesión completarase cun relato experiencial en primeira persoa e un espazo aberto de preguntas para fomentar a participación do público.
Con esta actividade, o Concello pecha a programación do 8M reafirmando o seu compromiso coa igualdade e a inclusión, poñendo o foco nun colectivo que a miúdo permanece invisibilizado e reivindicando a necesidade de construír unha comunidade máis xusta e accesible para todas as persoas.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
