Valdoviño podería contar o próximo verán con tres quioscos ou chiringuitos nas praias da Mourillá, en Meirás; Outeiro, en Lago, e O Rodo, en Marnela (Pantín).
O Concello de Valdoviño daba luz verde ás bases que regularán o proceso para a concesión das autorizacións municipais para a súa instalación. No pleno extraordinario celebrado o mércores, a proposta do goberno municipal saía adiante por unanimidade, e o seguinte paso será a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, abríndose así un prazo de 10 días naturais para que empresas e autónomos poidan presentar as súas ofertas.
No documento, que se poderá consultar na súa totalidade tanto no DOG como na sede electrónica como no taboleiro de anuncios da casa consistorial tras a publicación, establécese que os quioscos ou instalacións móbiles ou desmontables terán unha ocupación máxima de 70 m2, dos que 20 m2 como máximo poderán destinarse a zona pechada.
Nas bases, específicase que lle corresponde á Administración Xeral do Estado fixar o importe dos canons pola utilización ou aproveitamento do dominio público marítimo-terrestre, así como a titularidade dos dereitos económicos derivados de dita utilización ou aproveitamento. A modo orientativo e estimativo, establécese un canon mínimo para concorrer ao proceso.
Así mesmo, sinálase que a concesión destas autorizacións non exclúe nin substitúe a necesidade de obter cantas licenzas, permisos, autorizacións, declaracións responsables ou demais títulos habilitantes resulten legalmente esixibles por razón da actividade ou da normativa sectorial aplicable.
Como ocorrera coas autorizacións para o uso das praias por parte das escolas de surf, no caso da concesión destes permisos foi preciso aprobar as citadas bases despois do traspaso de competencias do Estado á Xunta no relativo á xestión e ao outorgamento
das autorizacións de usos de tempada nas praias, e despois de que o Concello solicitase asumir a concesión dos permisos en base a un plan de explotación municipal. Visto bo da Xunta que chegaba a mediados de febreiro.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
