Está dirixido a veciños en situación de desemprego.
O Concello de Valdoviño abre inscricións nun novo curso do Plan Municipal Mellora. Nesta ocasión, de «Habilidades brandas e atención ao cliente». Consta de 140 horas, distribuídas en 70 horas teóricas e outras 70 horas de prácticas non laborais en empresas.
Comezará o 18 de maio, e tras cubrir prazas coas persoas derivadas dos Servizos Sociais, a concelleira de área, Rosana García, avanzaba agora un prazo extraordinario para que os veciños en situación de desemprego poidan anotarse, completar a formación e, deste xeito, ampliar as súas opcións de entrar no mercado de traballo. Así, poden chamar xa á concellería, ao 981 48 70 41 ext. 5.
Esta é a terceira acción do Plan Mellora 2026, despois da posta en marcha do curso de cociña básica e avanzada e máis do curso de operacións forestais. Nos tres casos, co obxectivo claro de mellorar a capacitación das persoas participantes para facilitar a súa inserción laboral.
O programa conta cun orzamento próximo aos 15.000 euros, que o Concello cofinancia con cargo ao POS+Adicional da Deputación da Coruña.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
