O Concello das Pontes levará a cabo as obras de mellora de servizos e pavimentos na rúa Presa de Alende, unha actuación incluída no Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación correspondente ao ano 2026, cun investimento total de 239.359,21 euros.

Esta intervención ten como obxectivo a reurbanización e mellora integral da vía, mediante a renovación dos pavimentos, dos servizos urbanos e do alumeado público, así como a reorganización funcional do tráfico. O proxecto busca mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria e a calidade urbana do contorno, adaptándoo á normativa vixente e favorecendo a accesibilidade universal.
Entre as actuacións previstas destaca a ampliación das beirarrúas, a eliminación de desniveis e a execución dunha plataforma única para peóns e vehículos, o que permitirá un uso máis seguro e accesible do espazo público.
No relativo á mobilidade, suprimirase o dobre sentido de circulación, establecendo un único sentido en dirección norte. Esta medida permitirá eliminar puntos conflitivos, reorganizar os espazos de aparcadoiro e mellorar a seguridade viaria.
No que respecta aos materiais, renovarase o pavimento das zonas peonís con baldosa de formigón en baixorrelevo, mentres que a calzada executarase con mestura bituminosa en quente sobre soleira de formigón. Ademais, eliminaranse chanzos e desniveis, delimitando os distintos usos mediante bordos prefabricados.
A actuación inclúe tamén a implantación dunha rede de saneamento separativa, diferenciando as augas residuais das pluviais, co obxectivo de mellorar a capacidade hidráulica e optimizar o funcionamento do sistema. Así mesmo, renovarase o alumeado público con criterios de eficiencia enerxética e integración urbana, mediante a instalación de novos báculos con luminarias LED que permitirán diferenciar a iluminación viaria e peonil.
Os traballos completaranse coa instalación de novo mobiliario urbano, como bancos, papeleiras e xardineiras, así como coa correspondente sinalización viaria, contribuíndo a crear un espazo público máis funcional, accesible e de maior calidade para a veciñanza.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.