A cita coa escritora será este mércores ás 19 horas na Biblioteca de Valdoviño.

A avogada, actriz e recoñecida dramaturga Carmen Blanco Sanjurjo participará este mércores en Valdoviño no programa «Son de Aquí e Escribo«. Ás 19:00 horas, na Biblioteca, a autora presentará a súa primeira novela «Gorrións e Falcóns» de Ediciones del Viento. Unha historia tan demoledora coma fascinante na que conflúen sangue, intrigas, política, guerra, relixión, sexo, fame e morte.
A obra, traducida xa ao galego, vai pola quinta edición, e traspórtanos á Galicia de mediados do século XIV, á orixe dun dos movementos antiseñoriais máis virulentos da Idade Media europea: a Revolta Irmandiña. A maioría do argumento correspóndese con feitos documentados, cuxos «ocos» engárzanse con suxerentes retazos de ficción que a autora cimenta en lendas, tradicións e pura imaxinación.
Carmen Blanco comezou a escribir na pandemia, un tanto por azar, buscando documentación para continuar unha nova obra de teatro. Descoñecía entón que estaba iniciando unha intensa traxectoria investigadora que sería a base dunha novela de preto de 800 páxinas que terá continuidade con dous tomos máis, conformando unha triloxía.
Como reza o título do programa municipal «Son de Aquí e Escribo», Carmen sente Valdoviño como propio, e en Valdoviño asegura ter vivido os veráns máis felices da súa vida, os da súa infancia. Filla do que fora presidente da Cámara Agraria, Antonio Blanco, Carmen tamén residiu na localidade dos 15 aos 28 anos, anos nos que xa amosaba o seu talento para a escritura, gañando o II e III Concurso de Relato Curto do Concello de Valdoviño coa súa obra «Pánico no paraíso».
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
