As asociacións de Narón teñen ata o 31 de marzo para actualizar os seus datos no rexistro municipal

O Concello de Narón lembra ás entidades inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións que teñen ata o próximo 31 de marzo para realizar a actualización anual de datos, un trámite obrigatorio para todas as asociacións rexistradas.
 
 
A xestión debe facerse a través da sede electrónica municipal, no procedemento “Actualización anual de datos no rexistro municipal de asociacións” (S-ASI-11), dispoñible no apartado de Secretaría Xeral, e require acceder co certificado dixital da entidade ou co certificado dixital de representante de persoa xurídica.
 
Dende o programa da Escola de Participación municipal ofrecen apoio ás entidades que precisen axuda para completar o proceso. As asociacións poden resolver dúbidas ou solicitar acompañamento a través do correo electrónico escolaparticipacion@naron.gal ou no teléfono 603 86 54 13, tamén dispoñible por WhatsApp. Antes de iniciar o trámite recoméndase comprobar que o certificado dixital da asociación está en vigor, xa que non é válido empregar o certificado persoal.
 
Este documento, que caduca cada dous anos, debe estar emitido a nome da persoa que ocupa o cargo na Presidencia ou Secretaría da entidade. Ademais, cómpre preparar previamente a documentación requirida, entre a que se inclúe o documento de actividades anual e o orzamento previsto para o exercicio, desglosado en ingresos e gastos.
 
No caso de que se producisen cambios na xunta directiva, deberá achegarse a acta na que conste esa modificación ou ben un certificado emitido pola Secretaría que acredite a composición actual da directiva, así como información actualizada sobre o número de persoas socias. Unha vez reunida a documentación, as entidades deberán acceder á sede electrónica do Concello de Narón, localizar o trámite S-ASI-11 e premer na opción “Tramitar agora”.
 
A continuación deberán identificarse co certificado da entidade e seguir os pasos indicados polo procedemento. Tras o peche do prazo de actualización, o Concello publicará na sede electrónica a relación de entidades que teñen a documentación correctamente actualizada e tamén aquelas que deban emendar algún aspecto. Neste caso abrirase un prazo de dez días hábiles para presentar as correccións necesarias.

Lea también

Narón reúne seis corais no seu primeiro gran encontro musical no Auditorio Municipal

O Auditorio Municipal de Narón acolle este sábado 25 de abril, a partir das 17:00 …