Terra Galega de Narón celebrou este pasado sábado o seu tradicional cocido, unha cita que reuniu a numerosas persoas que ao longo dos anos formaron parte das diferentes candidaturas da formación no municipio. O encontro serviu como espazo de convivencia, pero tamén para facer balance do traballo realizado e comezar a preparar o camiño cara ás eleccións municipais de 2027.
Durante a xornada, o coordinador local de TEGA, Ibán Santalla, destacou o valor do traballo colectivo realizado durante todos estes anos no municipio e agradeceu o compromiso de todas as persoas que forman parte do proxecto político da formación en Narón.
Santalla subliñou que o encontro foi “un día para mirar atrás con orgullo, pero tamén para mirar cara adiante con ilusión”, poñendo en valor a implicación de todas as persoas que decidiron dar un paso adiante e comprometerse co seu concello.
Segundo indicou, Terra Galega é “referente dun xeito de facer política baseado no traballo, na cercanía e no compromiso coa veciñanza”, lembrando que o desenvolvemento experimentado por Narón nos últimos anos é froito do esforzo colectivo de moitas persoas que, desde diferentes responsabilidades e etapas, contribuíron a construír un municipio con máis oportunidades, máis servizos e un mellor futuro.
“Entre todas e todos marcamos unha época”, afirmou Santalla, quen incidiu en que “nada do que hoxe é Narón sería posible sen o esforzo colectivo de tantas persoas que puxeron o mellor de si mesmas para construír un concello mellor”.
O coordinador local tamén apelou á continuidade do proxecto político de Terra Galega, asegurando que “segue vivo” e que os retos de futuro requiren manter o mesmo espírito de colaboración e compromiso.
A xornada pechou cunha mensaxe de agradecemento e unidade. “O que fixemos xuntos foi importante, pero o que podemos facer é aínda máis grande”, concluíu Santalla.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
