Narón celebra os próximos 21 e 22 de marzo a súa VII Feira de Antigüidades, Coleccionismo e Vintage, unha cita xa consolidada no calendario local que reunirá no pavillón da Mocidade da Gándara a profesionais e afeccionados chegados de diferentes puntos de España.
O evento, organizado polo Concello coa colaboración da Asociación Cultural Ferro Vello, contará con entrada libre. A feira abrirá as súas portas en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas, ofrecendo ao público unha ampla variedade de artigos para todos os gustos. Entre os postos poderanse atopar pezas únicas de mobiliario antigo, obxectos de decoración, moedas, libros, útiles de labranza, selos, artesanía ou discos, entre moitos outros elementos vinculados ao mundo do coleccionismo e do vintage.
Desde o Concello lembran que se trata de “unha das iniciativas que máis éxito logrou nos últimos anos”, tanto pola participación de expositores como pola afluencia de visitantes, converténdose nun punto de encontro para quen busca pezas singulares ou simplemente quere pasear entre obxectos con historia.
A concelleira de Festas, Mar Gómez, presentou esta mañá o evento e destacou a súa boa acollida entre o público. “Esta feira é unha das máis concorridas na cidade, atraendo xente de Narón e de moitos outros concellos da zona; é unha aposta que desde o goberno local fixemos no seu día e que manteremos con dúas citas anuais”, indicou.
Durante estas dúas xornadas, o pavillón municipal da Gándara converterase nun espazo de encontro para coleccionistas, curiosos e amantes das antigüidades, nun ambiente no que será posible descubrir obxectos únicos e coñecer a historia que se agocha detrás de cada peza e darlle unha segunda vida.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

