A catedrática de Física Teórica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC, Elena González Ferreiro, falará esta semana en Fene sobre a constitución da materia, sobre teorías para comprender as interaccións fundamentais da materia e sobre como se están tentando recrear os instantes do Big Bang nos aceleradores actuais.
A conferencia, enmarcada no ciclo Contando Ciencia, será este xoves 12 de marzo, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura con entrada libre e gratuíta.
Ciclo organizado pola Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da concellería de Ensino de Fene e baixo a coordinación da mestra Violeta Miraz Seco.
Elena González Ferreiro é catedrática de física teórica e desenvolve a súa actividade investigadora, centrada na cromodinámica cuántica a alta temperatura e densidade, no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC.
Ten publicado máis de 300 artígos en revistas internacionais e ten presentado máis de 100 ponencias en conferencias internacionais, sendo organizadora ou membro do comité asesor nunha trintena.
É profesora da Facultade de Física da USC e en programas de doutorado internacional, como no do Université Paris-Saclay. Ademais, ten participado en varios proxectos e redes de investigación, en particular co CNRS francés e no INFN italiano, con frecuentes estancias en laboratorios internacionais.
Forma parte de comités da Unión Europea, como a xunta directiva do proxecto Strong 2020 de Horizon 2020, que investiga a interacción forte que mantén unidos aos quarks formando os protóns e neutróns do núcleo atómico.
Trala cita deste xoves, a vindeira conferencia de Contando Ciencia será o 16 de abril con Ángeles Romero Rodríguez, catedrática da área de Tecnoloxía de Alimentos da USC, quen falará sobre “Din que hai que comer de todo…”
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.