Valdoviño inaugura unha nova edición do ciclo de teatro municipal Ven o Venres

A función terá lugar este venres 13 ás 20:30 horas no auditorio da casa da cultura, con entrada de balde e libre ata completar aforo.

Archivo.-Auditorio da casa da cultura de Valdoviño.

O Concello de Valdoviño activa neste 2026 unha nova edición do ciclo municipal de teatro Ven o Venres. O cartel inclúe este mes a representación de «De marzo a marzo» de Opaí Teatro-Canido SDR, este mesmo venres día 13 ás 20:30 horas no auditorio da casa da cultura, con entrada de balde e libre ata completar aforo.

«De marzo a marzo» está dirixida por Cristina Mariño, autora tamén do texto xunto a Carlos Castrillón Doce, e conta cun elenco formado por Carmen Caeiro, Miguel Curveira, Margarita G. Pita, Juani Hernández, Franki Muíño, Luis Pillado, José Piñeiro, Estela Porta, Alexis Sequeiro e Alberto V. Graña.

En 2021, a organización do Dez de Marzo 50 aniversario, propón á compañía ferrolá escribir unha peza teatral para conmemorar os sucesos de 1972 en Ferrol durante as mobilizacións obreiras, que remataron coa morte dos traballadores da Bazán Daniel Niebla e Amador Rey. A partires de aquí comeza un proceso de investigación a través de documentos da época, traballos de diversos historiadores, biografías e, sobre todo das entrevistas persoais a máis de trinta persoas que foron testemuñas ou protagonistas daquelas mobilizacións. Algunhas entrevistas realizáronse de xeito individual e outras a través de reunións vivenciais organizadas pola SRD Canido.

A partir dese traballo, escríbese a obra, que nos sitúa cincuenta anos despois dos sucesos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol. Un rapaz ten que facer un traballo sobre o tema para a escola. Os máis vellos da familia recordan aqueles tempos de loita mentres o resto das personaxes, e eles mesmos, se enfrentan aos desafíos da vida actual. «De marzo a marzo» é un diálogo constante entre o presente e o pasado, entre a comedia e o drama, entre a tenrura e a rabia. Un retrato actual das cousas que cambian co paso da historia e daquelas que parecen non mudar. Unha peza conmovedora que non deixará indiferente ao público.

SOBRE A COMPAÑÍA
Opaí Teatro nace no ano 2020 no barrio de Canido, en Ferrol. Forma parte do Canido SRD, sociedade centenaria cunha importante traxectoria no deporte e a cultura en Ferrol. A maioría dos membros do grupo veñen de formarse na Escola de teatro de Narón, e continúan formándose para seguir mellorando como intérpretes. Tamén teñen experiencia participando noutros grupos de teatro da comarca, polo que, malia ser un grupo de recente creación, as persoas que o integran teñen xa a súa bagaxe teatral.

Está dirixido por Cristina Mariño, directora, actriz e dramaturga, que leva traballando profesionalmente desde hai máis dunha década. Opaí busca facer un teatro que conecte coas inquedanzas dos tempos actuais, tomando esta arte con toda a adicación posible para traballar por un teatro amador de calidade.

Lea también

El XI Chanfaina Lab cierra un fin de semana de rodajes con el ‘objetivo’ en los estrenos de febrero

Durante el fin de semana los cineastas recorrieron el territorio para rodar sus piezas, mientras los …