A institución provincial fai balance de dez anos de traballo a través dos programas de subvencións a proxectos de investimentos e actividades no ámbito da cooperación ao desenvolvemento. A meirande parte das intervencións realizáronse en África e América Latina. A mellora das condicións laborais e económicas, a soberanía alimentaria e a defensa dos dereitos fundamentais centran as actuacións desenvolvidas.

Con motivo do Día Internacional da Muller, a Deputación da Coruña fai balance da acción desenvolvida durante a última década no ámbito da cooperación internacional, un traballo continuado que sitúa a igualdade de xénero e o empoderamento feminino no centro das políticas de solidariedade da institución provincial.
A través dos programas de axudas para o financiamento de proxectos de actividades e investimentos de cooperación ao desenvolvemento a Deputación impulsou na última década máis dunha vintena de iniciativas orientadas a mellorar as condicións de vida das mulleres e a defender os seus dereitos en diferentes rexións do mundo.
O balance destes dez anos amosa un esforzo sostido en distintas áreas xeográficas e temáticas, especialmente en países de África e América Latina. A colaboración coas entidades galegas sen ánimo de lucro foi clave para facer posible estes proxectos, permitindo que o investimento público se transforme en accións concretas sobre o terreo, como programas de formación técnica, melloras de infraestruturas básicas ou iniciativas de inclusión social e económica para mulleres en situación de vulnerabilidade.
Empoderamento económico e formación
Moitos dos proxectos desenvolvidos tiveron como obxectivo fortalecer a autonomía económica das mulleres e facilitar o acceso á formación profesional. Así, a Fundación Taller de Solidaridad impulsou en Cochabamba (Bolivia) programas de formación básica e laboral dirixidos a mulleres indíxenas migrantes, fomentando tamén o traballo en rede e as cooperativas de aforro comunitario.
Pola súa banda, a Fundación Galicia Innova promoveu en Piura (Perú) a posta en marcha dun centro de formación agropecuaria sostible que permitiu a mulleres rurais mellorar as súas capacidades produtivas e reforzar a seguridade alimentaria das súas comunidades. En Quito (Ecuador), Remar Galicia impulsou o proxecto “Mans á Masa”, centrado no fortalecemento dunha panadería social orientada á inclusión sociolaboral de mozas e mulleres vítimas de violencia ou exclusión.
Soberanía alimentaria e infraestruturas
Outro dos eixos principais das políticas de cooperación da Deputación é o apoio á soberanía alimentaria e á creación de infraestruturas que melloren a capacidade produtiva das comunidades locais lideradas por mulleres.
Neste ámbito, a Asociación Egueire desenvolveu en Costa de Marfil diversos proxectos que van desde a creación dunha piscifactoría de tilapias ata a mellora dun refuxio de gando para impulsar a cría de ovellas e fortalecer a cooperativa feminina Abussuan.
Tamén destacan iniciativas como a impulsada por Asamblea de Cooperación por la Paz na rexión de Gabés (Tunisia), coa creación dunha plataforma de comercialización de produtos agrobiolóxicos e un obradoiro de embalaxes biodegradables xestionado por mulleres; os proxectos de Ingeniería Sin Fronteras Galicia para mellorar a sostibilidade da actividade marisqueira feminina en Honduras; ou a intervención da Asociación Miradas al Mundo en Guinea Bissau, que facilitou o acceso á auga potable en varias localidades e escolas mediante sistemas de bombeo solar que tamén permiten regar hortas comunitarias lideradas por mulleres.
Defensa dos dereitos humanos
Os programas de cooperación tamén incluíron actuacións centradas na defensa dos dereitos humanos e na xustiza social. Entre elas destaca o proxecto desenvolvido por Asamblea de Cooperación por la Paz en Antioquía (Colombia), orientado a garantir o dereito á restitución de terras para mulleres vítimas do conflito armado.
En Guatemala, Arquitectura Sin Fronteras apoiou a reacollida da comunidade indíxena Mam Cajolá mediante a construción dun albergue comunitario seguro para familias encabezadas por nais solteiras e viúvas. Pola súa banda, a Fundación Amigo puxo en marcha en Benín un programa específico de alfabetización para mulleres en situación de vulnerabilidade.
Sensibilización na provincia
Ademais das intervencións internacionais, estes programas permitiron desenvolver iniciativas de sensibilización na propia provincia da Coruña. Un exemplo é o proxecto “Unha mirada a África: mulleres e desenvolvemento”, impulsado pola Fundación Mujeres en centros educativos, que promove a reflexión sobre a feminización da pobreza e a realidade das mulleres no África subsahariana.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que “estes proxectos non son a proba de que a cooperación coruñesa chega moitos lugares do mundo cun compromiso real cos dereitos e a mellora da calidade de vida das mulleres”. “Desde a formación en informática, confección téxtil ou gastronomía en Bolivia ata o acceso á auga en Guinea Bissau, estamos a poñer ferramentas nas mans de mulleres que xa son líderes nas súas comunidades pero que precisan apoio para romper o ciclo da pobreza”, afirmou.
Co balance desta década de acción exterior, a Deputación da Coruña mostra a súa vontade de seguir situando a igualdade de xénero e o empoderamento feminino no centro da súa axenda de cooperación internacional. A institución entende que apoiar a autonomía económica, a educación e a defensa dos dereitos das mulleres non é só unha cuestión de xustiza social, senón tamén unha das vías máis eficaces para promover o desenvolvemento sostible e a paz nas rexións máis vulnerables do planeta.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.