A Área Sanitaria de Ferrol conmemora a 8M compartindo experiencias

«Mulleres da Sanidade. Exemplos que inspiran» reuniu este venres a profesionais, a 64 alumnos e alumnas de 2º da ESO do CPI A Xunqueira de Fene, e do Colexio Cristo Rey de Ferrol, a cinco docentes, e a 7 mulleres que traballan na Área Sanitaria de Ferrol.

Acto 8M Mulleres no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide- Fuente ASF

Alumnado da comarca e mulleres profesionais da Área Sanitaria de Ferrol uníronse este venres 6, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide, nun acto para celebrar o Día da Muller, que se conmemora o 8 de marzo. Mulleres da Sanidade. Exemplos que inspiran reuniu este venres 6 a profesionais, a 64 alumnos e alumnas de 2o da ESO do CPI A Xunqueira de Fene, e do Colexio Cristo Rey de Ferrol, a cinco docentes, e a 7 mulleres que traballan na Área Sanitaria de Ferrol, e que, como indican dende a organización algunhas delas “ocupan postos tradicionalmente de homes”.

O obxectivo deste encontro é intercambiar experiencias e que as futuras xeracións coñezan o sistema sanitario máis de preto dende o punto de vista da igualdade e a integración efectiva nun sistema no que o 80% dos profesionais son mulleres. En definitiva, dar visibilidade e poñer en valor o labor das mulleres na sanidade pública.

A xerente da Área Sanitaria de Ferrol, única muller de tódalas áreas sanitarias, abriu o acto destacando que “debemos incorporar o talento feminino nos espazos de decisión, porque enriquece as organizacións e fai máis diversos os equipos. Os roles estereotípicos de xénero teñen apresado tanto a mulleres como homes durante décadas, e iso imposibilítaos para se desenvolver noutros roles distintos dos esperados”.

Houbo un espazo tamén para o agradecemento a participar nesta mesa redonda -organizada dende a Dirección de Recursos Humanos da Área Sanitaria de Ferrol, en colaboración coa Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde- tanto ó alumnado como as Ampas de Ferrol, porque “nos dá unha oportunidade única de transmitir e informar do noso traballo ás novas xeracións”.

As participantes nesta acto foron a facultativa do Servizo de Oftalmoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e vicepresidenta 2ª do Consello Xeral dos Colexios de Médicos de toda España (CGCOM), Rosa Arroyo Castillo. A médico interna residente (MIR) de Uroloxía do Complexo, Ainoha Antequera Granados. A enxeñeira da Área Sanitaria ferrolá, Silvia López Gómez. A xefa de sección de xestión administrativa do Complexo, secretaria do Comité de Ética, e da Asociación deportivo cultural da Área, Amanda Gómez Costa. A encargada de quenda do Hospital Naval do Complexo, Victoria Amo Piñeiro. A persoal de seguridade da Área, Ana García Núñez; e a directora de Enfermaría, Isabel Turnes Cordeiro. Quedan representadas así, diferentes categorías profesionais, sanitarias e non sanitarias.

Acto 8M- talleres de Lavado de mans, orientados pola enfermaría de Medicina Preventiva da Área Sanitaria de Ferrol. Fuente ASF

Non ós teitos de cristal e a importancia das ganas e a vocación
A oftalmóloga Rosa Arroyo destacou que “as mulleres somos o 70% do persoal sanitario a nivel nacional e internacional, con todo estamos lonxe de alcanzar esa proporción nos postos de liderado, só un 20% en investigación; e que dar visibilidade e incorporar o talento feminino nos espazos de decisión enriquece as organizacións sanitarias porque as fai máis diversas e inclusivas”. Dialogou cos rapaces e rapazas, amosando exemplos de superación e liderado. “Chegamos ata aquí pola experiencia e o traballo de mulleres e homes que nos inspiraron, e, agora, a nosa responsabilidade é non poñer tabiques nin teitos de cristal á casa dos nosos soños”, enfatizou.

A residente de Uroloxía, Ainoha Antequera foi explicando as súas funcións en paralelo a un vídeo que amosaba os distintos momentos do seu traballo nesta especialidade, Uroloxía, que “clasicamente foi de homes e como agora na maioría dos servizos hai máis urólogas. Non hai un espazo reservado para nós, podemos e debemos estar en todos. Dá igual que sexamos homes ou mulleres, temos que poñerlle ganas”.

Pola súa banda, a enxeñeira Silvia López ensinou fotos das instalacións dos hospitais Naval e Marcide do Complexo, e recordou ós asistentes que “os enxeñeiros nos encargamos de organizar as revisións, mantementos preventivos, obras. En Mantemento, só somos tres mulleres, dúas administrativas e eu, de entre 48 persoas que se ocupan de electricidade, mantemento, ou calefactores. entre outras cuestións”.

Aproveitou este acto para falar ós más novos de ecoloxía e coidado do medio ambiente lembrando o proxecto de Economía Circular, “o medio ambiente e a saúde están relacionados e por este motivo o Sergas aprobou unha Estratexia de Economía circular no marco da que se realiza o cálculo da pegada de carbono, ou mellora na xestión de residuos, entre outros, e polo que fomos premiados co galardón Sanidade polo clima”.

A xefa de sección de xestión administrativa do Complexo, Amanda Gómez, deu conta das súas responsabilidades na xestión de permisos e xubilacións de todo o persoal. Tamén falou da importancia do traballo en equipo amosando as súas funcións tamén nun Comité de Ética asistencial, e como se chega a resolución dun conflito co diálogo e o consenso, independentemente do xénero. Falou tamén de Adescafe, a asociación deportivo cultural dos e das traballadoras da Área, que os une a todos máis alá da actividade asistencial.

Pola súa banda, a encargada de quenda do Hospital Naval do Complexo, Victoria Amo, falou da figura dos celadores e celadoras como o motor invisible da sociedade, nunha profesión orixinariamente de homes. Agora son xa nesta Área 122 mulleres neste ámbito, do total de 184. Explicou ó alumnado como se ocupan de moi diversas cousas imprescindibles nun centro hospitalario, como “levar pacientes, e trasladar correo, medicacións ou mostras”.

A persoal de seguridade da Área, Ana García, explicoulles que “a seguridade tamén é cousa de chicas, que non vai de músculos, senón de cabeza, de manter a calma, e de protexer ás persoas”. Lembroulles que “romper estereotipos é cousa de todos. Que o talento non ten xénero. Que merecemos as mesmas oportunidades. E que a igualdade comeza cando deixamos de pór etiquetas”.

Por último, a directora de Enfermaría da Área ferrolá, Isabel Turnes, expuxo que a «enfermaría foi unha profesión esencialmente feminina porque leva implícito o coidado, historicamente asociado á muller”, pero cada vez se incorporan tamén máis homes. E quixo deixar claro que “o liderado, a forza, e a capacidade non entende de xéneros, que a nosa profesión avanza cara á especialización e a investigación e que a vocación é imprescindible en calquera profesión”.

Acto 8M, talleres de simulación de RCP (Reanimación Cardiopulmonar) a cargo de profesionais da Unidade de Coidados Intensivos do CHUF. Fuente ASF

Posteriormente, abriuse un espazo para que o alumnado participara, e os e as rapazas presentes puideron facer as preguntas que consideraron necesarias.

Ó finalizar os relatorios, o alumnado trasladouse á entrada principal do Hospital Arquitecto Marcide para as seguintes estacións de actividades, talleres de simulación de RCP (Reanimación Cardiopulmonar) a cargo de profesionais da Unidade de Coidados Intensivos do CHUF; e talleres de Lavado de mans, orientados pola enfermaría de Medicina Preventiva da Área Sanitaria de Ferrol.

Lea también

ASCM organiza la III edición de su MercaLIBRO Solidario en Esteiro, Ferrol

ASCM organiza la III edición de su MercaLIBRO Solidario. Este evento se celebra del 21 …