MAR investirá 1,1 M€ en varias melloras no porto de Barallobre, en Fene

Marta Villaverde presentou á confraría a solución técnica prevista para aumentar a seguridade da frota.

Villaverde na súa visita Barallobre-Fene

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investirá 700.000 euros na mellora do abrigo do porto de Barallobre, no municipio coruñés de Fene. Así o anunciou na mañá deste xoves a titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, nunha reunión na sede da confraría de pescadores da localidade na que presentou ao sector a solución técnica prevista.

Villaverde, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, indicou que a actuación prevista contempla a inspección exhaustiva do estado das instalacións logo do tren de borrascas dos pasados dous meses, que afectou á instalación de atracada existente ata agora. A continuación repararase dita zona de atracada e reforzarase o abrigo cun dique flotante con elementos de formigón para maior resistencia e garantía a longo prazo.

A conselleira explicou que esta obra tramitarase por procedemento de urxencia para acelerar, en grande medida, os prazos administrativos dada a necesidade de paliar os riscos para a frota logo dos graves danos producidos polos temporais na instalación. Para axilizar a tramitación, Portos de Galicia solicitou xa a Costas do Estado os permisos que serán necesarios para a execución dos traballos.

Traslado temporal da frota
Dada a situación actual do dique e a zona de atracada, resulta imprescindible a suspensión temporal dos amarres e o traslado da frota pola súa propia seguridade. Con esta fin, Portos de Galicia, remitirá comunicación aos usuarios nos vindeiros días para informar desta situación e da suspensión da facturación correspondente das taxas portuarias.

Ademais, a conselleira do Mar lembrou que Portos de Galicia ten contratada xa outra actuación de grande envergadura para o porto de Barallobre como é a dragaxe da dársena, na que se investirán 140.000 euros. O inicio das obras está previsto para o verán, coas condicións climatolóxicas máis favorables.

Finalmente, confirmou que Portos de Galicia está a traballar tamén na redacción do novo proxecto para a contención do noiro na parte traseira do edificio da confraría co obxectivo de sacalo a licitación de xeito inminente cun orzamento que se estima en arredor de 250.000 euros.

Lea también

La Xunta declara que la planta solar del puerto exterior de Ferrol no tendrá impactos adversos en el medio ambiente

La Dirección Xeral de Calidad Ambiental da cuenta del informe de impacto ambiental del proyecto. …