Fene ultima a celebración do XVI Concurso de Tapas

Os establecementos interesados poderán presentar as súas propostas ata o 13 de marzo no rexistro municipal ou na sede electrónica. O certame contará con premios do xurado e da votación popular, tanto para as tapas como para as persoas participantes.

O Concello de Fene abre o prazo de inscrición para participar no XVI Concurso de Tapas, que se desenvolverá entre os días 10 e 19 de abril, coa participación dos establecementos hostaleiros do municipio que queiran sumarse a esta iniciativa de promoción gastronómica e dinamización económica.

Os locais interesados poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 13 de marzo, ben a través do rexistro xeral do Concello de Fene ou da sede electrónica no caso de persoas físicas, ou exclusivamente a través da sede electrónica no caso de persoas xurídicas. Ademais, será obrigatorio o envío dunha fotografía da tapa durante o período de inscrición ao enderezo electrónico desenvolvemento.local@fene.gal.

O concurso desenvolverase cos seguintes horarios de degustación: os venres, de 20.00 a 22.00 horas; os sábados, de 13.00 a 15.00 e de 20.00 a 22.00 horas; e os domingos, de 13.00 a 15.00 horas. O prezo das tapas será de 2,50 euros.

A concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, animou aos establecementos a participar nesta nova edición, destacando que “o Concurso de Tapas é unha oportunidade para amosar a creatividade e a calidade da hostalaría local, ao tempo que se impulsa a actividade económica e se convida á veciñanza e ás persoas visitantes a percorrer o noso concello a través da gastronomía”.

O XVI Concurso de Tapas contará con premios do xurado e de votación popular para as tapas, pero tamén incentivos para as persoas participantes. Entre os premios para o público haberá unha viaxe, servizos de limpeza de tapicería de automóbil, subscricións a ximnasios, electrodomésticos, produtos gourmet, clases de música, libros de cociña e maletas. Pola súa banda, os establecementos participantes optarán a cestas de produtos, trofeos e diplomas acreditativos.

Desde o Concello de Fene sublíñase que esta actividade conta coa subvención da Deputación da Coruña, e consolídase como unha das citas gastronómicas máis destacadas do calendario local, contribuíndo á promoción do tecido hostaleiro e ao impulso da economía de proximidade.

Lea también

Nueva edición del ‘itinerario formativo de Agricultura Ecológica’ en Sequeiro, Valdoviño

Diez mujeres participantes en el Programa Integrado de Empleo iniciaban en la mañana de este …