O Arqueódromo Luis Monteagudo, situado no Centro Cultural Torrente Ballester, acolle, este sábado 7 de marzo, ás 12:00 horas, a primeira sesión dos “Sábados Castrexos en Familia”, unha iniciativa divulgativa impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) e o Concello de Ferrol, a través da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial.
O programa da xornada inclúe unha visita guiada á exposición “Orixes IV. Urbanismo Castrexo”, na que se amosan os resultados da campaña arqueolóxica realizada entre o 14 de xullo e o 1 de agosto de 2025 no Castro de Esmelle, e unha serie de actividades na que a cativada se converterá, por unha mañá, en arqueólogo ou arqueóloga, buscando todo tipo de restos arqueolóxicos e catalogándoos, baixo a titorización da coordinadora do programa, Lucía Brage.
Información e inscricións no correo electrónico arqueodromo.ferrol@gmail.com.
A próxima sesión da actividade “Sábados Castrexos en Familia” terá lugar o sábado 14 de marzo. Xa no mes de abril, a proposta divulgativa realizarase os días 11 e 18.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
