O Campus Industrial de Ferrol acolle o faladoiro de Carmen Becerra, experta na obra de Torrente Ballester

Carmen Becerra (Santiago de Compostela, 1954) dedicou boa parte da súa traxectoria académica e investigadora a pór en valor a obra do escritor Gonzalo Torrente Ballester o que a converte nunha das maiores expertas a nivel
internacional na produción literaria deste escritor ferrolán. Precisamente ela será a protagonista, o próximo martes 10 de marzo, ás 19:00 horas, na Biblioteca Casa do Patín, da segunda sesión dos “Faladoiros Literarios”, un ciclo de conferencias promovido polo Concello de Ferrol en colaboración co Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC).

Cómpre sinalar que a protagonista deste segundo faladoiro é doutora en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e profesora na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (UVigo) ata 2025, data na que se xubilou. Na actualidade, é a directora cultural da Fundación Gonzalo Torrente Ballester (FGTB), e membro do seu padroado por designación testamentaria. Ademais, é a fundadora e directora da revista
La Tabla Redonda. Anuario de Estudios Torrentinos e da Colección Biblioteca Gonzalo Torrente Ballester (Editorial Académica del Hispanismo).

No ano 2010, comisariou, xunto co director xerente da Fundación Gonzalo Torrente Ballester (FGTB), Miguel Fernández Cid, a exposición Los Mundos de Gonzalo Torrente Ballester. Máis recentemente, nos anos 2024 e 2025 e, en colaboración co académico de número da Real Academia Española (RAE), Darío Villanueva, comisariou, no vixésimo quinto aniversario do falecemento do autor ferrolán, a mostra Gonzalo Torrente Ballester, la travesía de un creador. Unha proposta expositiva inaugurada na Biblioteca Nacional, en Madrid, e que puido visitarse no Centro Cultural Torrente Ballester, en Ferrol, e na sede da fundación que leva o seu nome, situada en Santiago de Compostela.

A xornalista da Cadena Cope Ferrol, Ada Romero, conducirá un faladoiro aberto a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado. As persoas que desexen asistir deberán inscribirse, de xeito totalmente gratuíto, enviando un correo electrónico a vcfrs@udc.gal ou ben chamando ao 881 01 3800 antes das 14:00 horas do luns 9 de marzo.

Inscrición – Faladoiros Literarios – Carmen Becerra – 10 de marzo, Biblioteca Casa do Patín, Campus Industrial de Ferrol

Lea también

A UDC e Gabadi crean unha cátedra para impulsar a formación e investigación especializada en habilitación e interiorismo naval

A Universidade da Coruña e a empresa Gabadi, con sede en Narón, únense para crear …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *