A Sala Carlos III de Exponav acolle, o vindeiro mércores 4 de marzo, ás 19:00 horas, a conferencia “A xenética ao alcance de todos: Que é Xenoma Galicia e por que é importante”, impartida pola coordinadora do Proxecto Xenoma Galicia e coordinadora da Unidade de Xenética Cardiovascular do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), María Brión, no marco da Cátedra Jorge Juan que impulsa a Universidade da Coruña (UDC) en colaboración coa Armada, baixo a dirección da profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Alicia Munín.
Cómpre sinalar que esta é a primeira vez que a Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos, impulsada tamén pola institución herculina xunto con Navantia e liderada pola profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Ana Álvarez, e polo responsable de Transformación Dixital e Industrial en Navantia Ría de Ferrol, Rafael Morgade, se suma ao Ciclo de Conferencias da Cátedra Jorge Juan presentando un relatorio de gran interese para o conxunto da sociedade.
Tal e como explica a propia María Brión, ao longo da conferencia explicarase, máis polo miúdo, que son os estudos
xenómicos poboacionais e como iniciativas do tipo Xenoma Galicia representan unha oportunidade estratéxica
para mellorar a saúde da nosa comunidade. “Abordaremos de forma sinxela como a análise do ADN de miles de persoas permite coñecer mellor o risco de enfermidades frecuentes e/ou raras, avanzando cara unha medicina máis preventiva e personalizada favorecendo a investigación biomédica, garantindo sempre a confidencialidade e o uso responsable dos datos”, argumenta.
María Brión
María Brión é doutora en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Desde hai 18 anos é a coordinadora da Unidade de Xenética Cardiovascular do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e, na actualidade, coordina o Proxecto Xenoma Galicia así como outras accións de medicina personalizada desde a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS – Xunta de Galicia), dirixida por Ángel Carracedo. A maiores, tamén desenvolve un labor asistencial no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) como responsable dos estudos xenéticos e do asesoramento ás persoas usuarias da Unidade de Cardiopatías Familiares.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.