«Estaremos encantadas de ser xurado no Talentiño 2026» -(Caamaño&Ameixeiras)

Caamaño&Ameixeiras é un coñecido dúo galego vinculado á música de raíz cunha intensa traxectoria a nivel nacional e internacional. Tras o éxito do seu primeiro disco, Aire! , con colaboracións destacadas como a de Sílvia Pérez Cruz o dúo recibiu importantes recoñecementos como o Premio Martín Códax da Música 2021. En Quitar o aire (2023), o seu último traballo resignifican e actualizan os códigos da música de raíz, levando a sonoridade da tradición galega e ibérica á virulencia de planos máis frontais e de músicas que se escapan das marxes dos xéneros. A nivel individual Sabela Caamaño estudou no conservatorio de Ferrol e rematou os estudos no Conservatorio Superior da Coruña. Antía Ameixeiras foi violinista de Luar na Lubre e de Carlos Núñez.

As dúas serán membros do xurado «do talentoso» certame O Talentiño, un concurso para jovenes que ao longo de escaso tempo alcanzou unha cota importante no mundo musical. E con elas, unha vez coñecido que estarán en Ferrol , no teatro Jofre o próximo 12 de abril , nada mellor que un pequeno encontro para que nos comenten temas de actualidade, proxectos, o mundo musical da nosa terra….

E aí imos…

GA.-Como definiríades a música de Caamaño&Ameixeiras?

CA.-«Facemos música de raíz. Partimos da música tradicional galega e levámola ao noso presente cunha mirada propia. Exploramos a tradición oral desde dentro, entendéndoa como un espazo de creación e non como unha peza de museo. E respectamos a raíz, pero gústanos cuestionar as formas, experimentar cos recursos tímbricos dos que dispoñemos, xogar cos arranxos e abrir espazos novos. Para nós non é un exercicio de nostalxia, senón de identidade e de creación contemporánea.
E, sobre todo, creamos música que fala de nós. Do que nos preocupa, do que nos emociona. De quen somos».

GA,.Que importancia ten para vós que a vosa música teña raíces galegas?

CA.-«É central. Non entendemos o noso proxecto sen esa raíz. Medramos na tradición, en asociacións, foliadas e encontros onde a música era comunidade. Mesmo nas nosas composicións propias está moi presente, porque ao formarte escoitando esta música, o teu imaxinario melódico e expresivo nace directamente desa tradición.

Ademais, interésanos profundamente tamén a maneira de cantar que había antes, cando existían menos influencias externas e a expresión era máis directa e ligada ao contexto vital. Atráenos esa forma de entender a música como parte do día a día e tamén esa maneira de vivir e de pensar que fala dun tempo no que a vida ía máis lenta, máis conectada coa comunidade e co territorio».

GA.-Como foi colaborar con grandes artistas como Fillas de Cassandra, Rodrigo Cuevas, Tanxugueiras ou Silvia Pérez Cruz?

CA.-«Foi un agasallo e unha aprendizaxe enorme. Compartir escenario ou proxecto con elas fíxonos medrar, reafirmarnos e tamén abrir a cabeza. Ademais, cada colaboración foi un diálogo. Con cada unha atopamos maneiras diferentes de habitar a música de raíz, e iso resultou moi inspirador. Interésanos moito ese punto no que as identidades artísticas se cruzan sen perder a súa esencia, creando algo novo que só pode existir nese encontro concreto. Ademais, é moi bonito ver como desde distintos lugares se está construíndo un discurso forte arredor das músicas de raíz».

GA.-Como recibichedes a proposta de ser xurado no Talentiño 2026, nunha edición que se abre a toda a provincia da Coruña?

GA.-«Recibímola con moita ilusión e tamén con responsabilidade. Parécenos fundamental que existan espazos que dean visibilidade ao talento novo, porque cando estás empezando, un impulso así pode chegar a marcar o rumbo das túas decisións artísticas. Máis alá da competitividade, o realmente valioso é a rede que se crea
entre persoas con inquietudes semellantes: compartir, coñecerse e sentirse acompañadas no proceso creativo é algo fermosísimo e moi necesario. Para nós tamén é unha oportunidade moi bonita para descubrir propostas diversas e para achegarnos a proxectos que están nacendo e medrando».

GA.-Que consello lle daríades a un participante que estea pensando en presentarse?

CA.-«Que non teña medo de mostrar quen é realmente. A autenticidade conecta moito máis que a perfección. Os proxectos que permanecen no tempo adoitan ser os que parten dunha voz propia, así que o mellor consello que podemos darlle é confiar naquilo que o fai único e defendelo con honestidade».

GA.-Cales son as cualidades que para vós fan destacar un artista ou un grupo?

CA.-«Para nós o fundamental é a emoción. Un proxecto destaca cando é honesto, cando hai unha intención clara e cando o que pasa no escenario é verdadeiro. A técnica é importante, pero sen personalidade e sen conexión co público queda incompleta».

GA.-Pensades que é importante que os talentos novos teñan espazos como O Talentiño?

CA.-«Si, absolutamente. Os comezos son fráxiles e contar con plataformas onde mostrar o traballo, recibir feedback e crear rede e comunidade é fundamental. Estes espazos poden marcar a diferenza entre abandonar ou continuar».

GA.-Que proxectos tedes pensados para o futuro? Algún traballo novo en mente?

CA.-«Estamos traballando arreo no noso próximo álbum, que verá a luz en 2027. Estamos moi ilusionadas co proceso, porque está sendo un tempo de moita reflexión, descuberta e maduración artística. Ademais do traballo de arquivo no APOI e dos propios procesos de composición, estamos mergulladas nunha investigación antropolóxica que estamos a gozar moitísimo e que está alimentando de forma moi profunda todo o proxecto. O que podemos adiantar é que será un traballo conceptual, cun fío condutor claro e cunha intención artística moi coidada econsciente».

Lea también

Brillante inauguración en Exponav del 42º Salón de la Mujer en la Pintura de la Sociedad Artística Ferrolana

Inaugurada la 42ª edición del tradicional Salón de la Mujer en la Pintura de la …