A Deputación convoca bolsas de investigación e artísticas, cun orzamento de preto de 0,5M€

A Deputación da Coruña publicou as bases das bolsas para apoiar á mocidade coruñesa na realización de proxectos de investigación en distintos campos de coñecemento e perfeccionamento de estudos artísticos durante o curso 2026-2027.

Ambas convocatorias suman un orzamento de 480.000 euros para un total de 48 bolsas de 10.000 euros cada unha. Nos últimos anos, o Goberno provincial incrementou progresivamente tanto o número de bolsas, que pasaron de 40 a 48, como a contía das mesmas, que subiu de 8.000 a 10.000 euros.

20 bolsas de investigación

Este ano convócanse 20 bolsas de investigación, que pretenden “ofrecer apoio e oportunidades aos novos talentos coruñeses en diferentes da ámbitos que van desde as ciencias da saúde, ás ciencias sociais e xurídicas ou as humanidades”, explicou o presidente, Valentín González Formoso.

Poden optar a estas bolsas as persoas con titulación universitaria con menos de 36 anos de idade e residencia en calquera concello da provincia da Coruña, que deberán realizar un traballo de investigación durante un período mínimo de nove meses.

Convócanse 5 bolsas para proxectos sobre artes e humanidades, 4 de ciencias da saúde, 5 de ciencias sociais, xurídicas ou estudos de xénero, 4 de ciencias e 2 de enxeñería e arquitectura.

28 bolsas de perfeccionamento artístico

No caso das bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos, a Deputación dedica este ano 280.000 euros para financiar 28 axudas cunha achega de 10.000 euros cada unha.

A través delas, as persoas beneficiarias recibirán financiamento para custear o gasto derivado da realización de estudos artísticos fóra da comunidade autónoma de Galicia durante nalgunha destas áreas: audiovisual (3 bolsas), danza e artes do movemento (3), ilustración, artes plásticas e visuais (4), música (15) e teatro e interpretación escénica (3 bolsas).

Estas bolsas permitirán a alumnos e alumnas da provincia da Coruña completar a súa formación artística en centros de alto nivel de fóra de Galicia. Ao longo dos anos, estas bolsas permitiron mellorar a formación de decenas de coruñeses e coruñesas en cidades como Madrid, Barcelona, Granada ou Valencia ou en centros especializados en artes de Estados Unidos, Francia, Reino Unido ou Países Baixos.

Solicitudes

O prazo de solicitudes das bolsas vai desde o 16 de marzo ao 16 de abril. As bases poden consultarse en: 

Bases bolsas de investigación:

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2026/03/02/2026_0000001176.html

Bases bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos:

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2026/03/02/2026_0000001175.html

Máis información sobre as bolsas:

https://www.dacoruna.gal/educacion/bolsas

 

Lea también

Este martes, inauguración oficial de la muestra «Imágenes de la Historia», en el Museo Naval de Ferrol

En el Museo Naval de Ferrol se ofrece una magnífica exposición, «Imágenes de la Historia» …