A Galería da Casa do Concello de San Sadurniño acolle a exposición «Serea de cores», da ceramista fenesa Carme Romero Díaz. A mostra pode visitarse ata o 28 de marzo e constitúe o primeiro dos actos organizados pola área municipal de Igualdade co gallo da celebración do Día Internacional das Mulleres.

Esta será a terceira colección de Romero Díaz que visita a galería, despois de traer «Meigas, sabias e mulleres boas» en 2022 e de compartir espazo hai uns meses coa tecedora Luisa da Silva con «Primixenias», consolidando así unha estreita relación cultural con San Sadurniño.
A exposición «Serea de cores», xurdida da colaboración co seu amigo e mentor Francisco Pérez Porto, encádrase nunha programación do 8M dedicada por enteiro ás mulleres no mundo das artes. Un ciclo de actividades que rematará o día 28 en Lamas cun obradoiro de cerámica dirixido pola propia Carme.
A exposición «Serea de cores» nace dunha cantiga romance composta por Romero no ano 2013, na que unha serea relata a súa historia arredor do mal querer e das súas consecuencias. A partir desta creación literaria xorde unha proposta artística multidisciplinar formada pola acuarela que dá título á mostra e outras oito pezas que ilustran as cuartetas do romance, acompañadas por nove pinturas cerámicas realizadas por Romero Díaz nun diálogo creativo entre palabra, pintura e cerámica.
As ilustracións das acuarelas foron realizadas polo artista ferrolán Francisco Pérez Porto, amigo e colaborador da autora. Cunha ampla traxectoria ligada á cerámica tradicional e cunha colaboración de máis de dúas décadas con Sargadelos, Pérez Porto contribuíu ao desenvolvemento de numerosos monumentos e proxectos artísticos vinculados á tradición popular, ademais de dirixir seminarios internacionais e impulsar escolas municipais de cerámica en distintas localidades galegas.
A través de «Serea de cores», Carme Romero Díaz pretende transmitir unha mensaxe clara: o amor debe sumar e nunca restar. A artista reivindica a educación como ferramenta esencial para construír persoas libres, empáticas e seguras, capaces de compartir felicidade desde a igualdade e o respecto. A súa obra sitúa ás mulleres no centro do relato artístico, cunha ollada feminina e feminista que aposta pola sororidade como eixo creativo e vital.
Romero Díaz leva vinculada ás artes desde moi nova, explorando disciplinas como a pintura, a música, a escrita ou a fotografía. Desde 1999, a cerámica converteuse nun dos seus principais medios de expresión, a través do que representa costumes e elementos da cultura galega desde unha perspectiva propia, comprometida coa visibilización das mulleres e co discurso social contemporáneo.
Como peche da programación municipal do 8M, a ceramista impartirá ademais un obradoiro de iniciación á cerámica o sábado 28 de marzo, de 11:00 a 13:00 horas, no Local Social de Lamas, coa colaboración da AVV Xuntanza de Lamas.
A actividade permitirá ás persoas participantes iniciarse no traballo co barro creando esferas con caras de mulleres, inspiradas tanto en figuras importantes das súas vidas como en artistas ou referentes culturais. O obradoiro está dirixido a público xeral ata completar prazas. Fai falla inscribirse no correo oriana.lopez@
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.