Marzo cultural nas Pontes: cine, teatro, música e actividades especiais polo 8M

O Concello das Pontes presenta a programación cultural do mes de marzo de 2026 cunha axenda ampla e diversa que inclúe cine, teatro, música, danza, actividades escolares e propostas de animación á lectura, cunha especial atención ás actividades vinculadas á conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Biblioteca Municipal de As Pontes

A programación desenvolverase nos principais espazos culturais do municipio, como a Casa Dopeso, o Auditorio Municipal Cine Alovi e a Biblioteca Municipal de As Pontes, consolidando a aposta municipal por unha cultura accesible, plural e de calidade.

O mes arrincará o venres 6 de marzo ás 20.00 horas na Biblioteca Municipal coa presentación do libro “Memorias dun Porco Teixo” de Xosé Manuel Felpeto. A fin de semana do sábado 7 e domingo 8, na Casa Dopeso, proxectarase ás 17.00 horas o filme familiar “Evolution”, mentres que ás 19.30 horas (sábado e domingo) e ás 22.00 horas (sábado) será a quenda de “Tres adioses”, un drama que aborda as relacións persoais e os procesos de cambio vital.

O mércores 11 de marzo ás 12.00 horas, o Auditorio Municipal Cine Alovi acollerá a función escolar “A cincenta que non quería comer perdices”, da compañía Sarabela Teatro, unha revisión contemporánea e feminista do conto clásico que promove a igualdade e cuestiona os estereotipos de xénero, sendo unha das actividades centrais da programación do 8M dirixida ao público escolar.

O xoves 12 ás 18.00 horas, na Biblioteca Municipal, celebrarase unha nova sesión de Xoves na Biblio con “Oli El Saltamontes Aventurero”, de Genma Pardo (Gemola), un espectáculo de narración oral participativo e cheo de humor.

Casa Dopeso

Dentro tamén das accións vinculadas ao Día Internacional da Muller, o venres 13 de marzo ás 12.00 horas a Casa Dopeso acollerá a actividade escolar “Inventoras con mentes curiosas”, da compañía A Xanela do Maxín, unha proposta didáctica que visibiliza o papel das mulleres na ciencia e na innovación ao longo da historia, fomentando referentes femininos entre a infancia e a mocidade.

No ámbito musical, o sábado 14 ás 20.00 horas o Auditorio Municipal Cine Alovi acollerá o concerto “Músicas do mundo” da Banda Cultural e Recreativa, un percorrido por diferentes estilos e tradicións musicais internacionais.

A fin de semana do 14 e 15 de marzo, a Casa Dopeso proxectará ás 17.00 horas o filme familiar “Little Amélie”, mentres que ás 19.00 e 22.00 horas (sábado) e ás 19.30 horas (domingo) poderá verse “As liñas discontinuas”.

O mércores 18 ás 19.00 horas, o Conservatorio de Música será escenario de “La sinfonía de los juguetes”, interpretado pola Camerata Ponferradina, unha proposta didáctica que achega a música clásica ao público familiar e o xoves 19 ás 18.00 horas será a quenda de “A historia de Rata o Pirrata”, de Carlos Godoy, dentro do mesmo ciclo de animación á lectura.

A fin de semana do 21 e 22 de marzo, ás 17.00 horas, será a quenda de “Hoppers”, incluíndo unha Sesión Neurodiversa adaptada para garantir unha experiencia inclusiva. Nesas mesmas datas, ás 19.00 e 22.00 horas (sábado) e ás 19.30 horas (domingo), proxectarase “El agente secreto”.

Auditorio Municipal Cine Alovi

O venres 27 de marzo ás 20.30 horas, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Teatro, o Auditorio Municipal Cine Alovi acollerá “Aventurados”, da compañía Puravisión, un espectáculo dinámico que combina humor e mensaxe social mentre que o sábado 28 ás 20.00 horas arrincará unha nova edición da Mostra de Teatro Amador coa representación de “Unha obra para un pobo”, da asociación cultural A.C. O Bicho da Barra, poñendo en valor o teatro afeccionado e a participación veciñal.

A programación da última fin de semana do mes complétase na Casa Dopeso coa proxección, o sábado 28 e domingo 29 ás 17.00 horas, do filme familiar “Tafiti y sus amigos”, mentres que ás 19.00 e 22.00 horas (sábado) e ás 19.30 horas (domingo) será a quenda de “El mago del Kremlin”.

Desde o Concello subliñan que a programación cultural de marzo combina lecer e reflexión, cunha especial implicación na promoción da igualdade real entre mulleres e homes a través das actividades específicas do 8M, reforzando o compromiso municipal cunha cultura transformadora, inclusiva e ao alcance de toda a cidadanía.

Lea también

‘A noite das Pepitas’ presenta su cartel para su celebración este 18 de marzo

Un año más y sin faltar con la tradición, este 18 de marzo será la …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *